No primeiro semestre

As empresas do Ibex disparan os seus beneficios por riba dos 22.779 millóns de euros

bolsa economia

As grandes empresas da bolsa española aumentaron as súas ganancias en 19% no primeiro semestre de 2017.

As grandes empresas da Bolsa española obtiveron no primeiro semestre deste ano un beneficio neto global de 22.779 millóns de euros, un incremento de 19% a respecto dos primeiros seis meses de 2016. As firmas do Ibex continúan, pois, polo camiño de aumentar as súas ganancias, a mesma senda que está a percorrer a gran banca española, que no primeiro semestre veu como os seus beneficios incrementaban 23%.

 

O xigante siderúrxico Arcelor Mittal, Repsol, Telefónica, Santander e BBVA son as principais responsábeis deste aumento de ganancias no selecto grupo de empresas do Ibex.Entre as cinco suman case a metade dos beneficios globais. O importante aumento nas ganancias débese a un aumento da demanda, a suba de ingresos e o recorte nos custos.

 

A gran banca española continúa a facer caixa. No primeiro semestre do ano, marcado pola compra por un euro do Popular-Pastor polo Santander, a gran banca tivo unhas ganancias de máis de 7.725 millóns de euros, o que supón un aumento de 23% a respecto do mesmo período do ano anterior. Santander, BBVA, CaixaBank, Bankia e Sabadell son as cinco entidades financeiras que forman esa ‘gran banca’ española, bancos ‘sistémicos’ que se viron beneficiados no proceso de reordenación e recentralización acometido nestes anos no sistema financeiro no Estado español.