Unha de cada dez empresas da Galiza xa utiliza a intelixencia artificial

As solucións de IA máis usadas neste segmento empresarial son as de automatización de fluxos de traballo e as de axuda na toma de decisións. (Foto: Nós Diario)
Os perfís tecnolóxicos máis demandados polas grandes empresas son os de especialistas en datos de ciberseguridade.

As medianas e grandes empresas con actividade na Galiza superan a media estatal no uso da intelixencia artificial, pois até 11,1% das empresas de dez ou máis persoas empregadas, unha de cada dez, botan man da IA, o que se traduce en 1,5 puntos máis que no conxunto do Estado. As solucións de IA máis usadas neste segmento empresarial son as de automatización de fluxos de traballo e as de axuda na toma de decisións.

Estes son datos sobre o emprego de tecnoloxías disruptivas recollidos no informe Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2023 e que foi publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización da Galiza (Osimga). A dixitalización empresarial reflíctese na contratación de perfís tecnolóxicos. Neste sentido, o informe sinala que unha de cada cinco empresas de dez ou máis empregadas con actividade na Galiza contratan especialistas nas TIC.

Os perfís tecnolóxicos máis demandados polas grandes empresas son os de especialistas en datos de ciberseguridade. Os expertos e expertas en datos aparecen en 12,3% das empresas de dez ou máis traballadoras con actividade no país, e as especialistas en ciberseguridade, en 10,4% delas.

Aliás, algo máis da metade (54,6%) das empresas galegas de dez ou máis empregados con actividade na Galiza que contan con perfís TIC empregan mulleres especialistas nestas novas tecnoloxías.

A cifras de vendas mediante comercio electrónico fica en porcentaxes moi semellantes ás do ano anterior. O máis destacábel é o aumento de máis de 25,5% na porcentaxe con vendas das empresas de dez ou máis traballadores con sede na Galiza, que pasa de 20,8% a 26,1%.

O uso de páxina web mantense estábel, tanto nas empresas galegas como nas estatais. Nas empresas con sede no país de dez ou máis empregadas o 77,7% ten web propia; a media estatal é de 78,5%. E o uso de medios sociais sitúase en 28% nas empresas de cero a nove traballadoras e 65,5% nas empresas de dez ou máis empregadas con actividade na Galiza.

Durante o ano 2023, 27,6% das empresas de dez ou máis empregados e empregadas con actividade no noso país pagaron por anunciarse na internet.