Empresas repártense en Galiza 300 millóns anuais en subvencións

A billa das axudas públicas para o tecido empresarial segue aberta, malia cun menor caudal pola crise. Cantas se conceden no Estado? e en Galiza? E a quen?.

A billa das subvencións e axudas públicas está aberta malia crise. Mais cun caudal menor. Se no 2009 a suma de todas as subvencións públicas concedidas no noso país superaba os 370 millóns de euros, en 2010 esa cifra xa caera até os 333 millóns. En 2011 a cuantía das axudas públicas dadas no noso país caeu a un importe de case 211 millóns para se recuperar o ano seguinte e volver a andar pola liña dos 300 millóns.

Nun contexto de crise e coas liñas de crédito de entidades financeiras pechadas a cal e canto ("Galiza foi o territorio de todo o Estado español onde máis crédito.se destruíu", afirma o profesor de Economía Financeira na Universidade de Vigo, Francisco X. Martínez Cobas), as axudas e subvencións das administracións son fulcrais para o tecido empresarial. Unha inxección de cartos que se distribúen por diferentes vías (indirectas, directa,...) e en base a conceptos moi distintos e para finalidades ben diferentes, desde a modernización e competitividade até incentivos á exportación ou mesmo á galeguización da empresa.

Madrid, 1 de cada 3 euros

Segundo o informe Axesor, en todo o Estado houbo 9.351 millóns de euros en axudas e subvencións, o que supón o 0,87% do PIB. En 2009 o peso no Produto Interior Bruto era do 1,27 por cento. En Gran Bretaña andaba polo 8%, en Bélxica no 10,17 por cento e en Alemaña ou Dinamarca andan a rondar o 5%. 

Segundos os últimos datos dispoñíbeis, correspondentes o 2011, o tecido empresarial madrileño recibiu o 31,3% do total de subvencións e axudas estatais e autonómicas a sociedades. Case un de cada tres euros. A distancia figuran Euskadi (12,5%) e Catalunya (10,4%). Galiza non figura  nin no ranking das 10 primeiras. 

Grupo Voz

Mais, iso si, o noso país ten un organismo a figurar no Top 20 dos convocantes de subvencións que nese exercicio concederon maior financiamento. Cal foi? A Consellaría do Mar con perto de 40 millóns de euros. Cartos para a frota de baixura, bateeiros, mariscadoras, depuradoras, cocedeiros... Mais tamén para grandes empresas piscícolas (19 plantas na Galiza e apenas 600 empregos) e para medios de comunicación amigos: Máis dun millón de euros só en 2011, por exemplo, para convenios coa prensa .Seguindo cos medios de comunicación, o Grupo Voz sumou nos tres primeiros anos de goberno Feijóo perto de sete millóns trescentos mil euros en pagamentos da Xunta, publicidade á marxe. 

Toda a información foi publicada no Sermos Galiza nº 77