Empresas con sede fóra de Galiza levan 38% dos ingresos na industria e 20% do sector servizos

De cada cen euros que ingresan pola súa actividade as industrias de actividades extractivas que operan na Galiza (auga, enerxía, residuos) 82 van para o peto das empresas que teñen a súa sede central fóra do noso país. Un dado clarificador pois falamos de sectores estratéxicos da economía e que na Galiza benefician en grande medida firmas cos seus centros de decisión alén do Padornelo.

 

No caso da enerxía son tres xigantes, ningún deles galego, os que se reparten case todo o pastel: Gas Natural-Fenosa, Endesa e Iberdrola. Esta é unha realidade que se presenta diáfana: 34,1% dos beneficios da industria en Galiza lévano empresas con sede noutros territorios, porcentaxe ademais que é un aumento considerábel a respeito da parte do pastel que as firmas non galegas obtiñan no noso país en 2008 e que era do 28,5%.

 

mentres aumentaba a parte de cifra de negocio industrial que as empresas con sede noutras autonomías obtiñan no noso país, diminuían as persoas que traballaban nas mesmas: en 2008 o 11,3% do cadro de persoal do sector industrial galego traballaba nesas compañías foráneas, en 2016 era 12,9%. A presenza de empresas con sede noutras autonomías non se restrinxe a estas ramas. Na metalurxia supón 60,4% da cifra de negocio. En 2008 era 21,4%. En cauchos e materias plásticas é 38,4% dos ingresos os que levan estas compañías, unha porcentaxe que en 2008 estaba en 27,5%.

 

Un 20% da cifra de negocio no sector servizos da Galiza factúrano empresas con sede noutros territorios do Estado español. De achegármonos ao comercio minorista, apenas 4% dos locais na Galiza son de empresas foráneas. Porén, supoñen máis de 25% das vendas, o que indica ás claras o peso de grandes almacéns, hipermercados e cadeas foráneas.