Graves secuelas para o sector lácteo e o cárnico polo encerramento do mercado ruso

Explotación leiteira

Fruga lembra que estados europeos exportadores de leite e carne a Rusia recolocarán os excedentes en mercados da UE a prezos moi baixos en detrimento dos galegos. 

O leite e a carne de Galiza poden sofrer “graves consecuencias” decorrentes da decisión de Rusia de fechar o seu mercado a produtos da UE e EUA após a Unión Europea e Estados Unidos teren imposto unha serie de sancións a Moscova polo conflito de Ucraína. Eis a denuncia que se fai desde a Federación Rural Galega (Fruga), lembrando que estes sectores galegos poden se ver seriamente prexudicados.

As producións de leite do norte de Europa poderían procurar colocarse no mercado español ao estar fechado o ruso

“Inicialmente os produtos alimentares mais afectados son as froitas e os legumes por ser os alimentos que máis vende o Estado español á Federación Rusa”, resalta este sindicato agrario. Mais, engade, no ránking dos produtos exportados directamente polo Estado español, “os produtos cárnicos figuran en segundo lugar e os lácteos e os ovos figuran no noveno, a pesca no sétimo, polo que se podería pensar que cando menos ao sector lácteo este embargo non lle afectaría grandemente”.

Dificultades

Mais a situación pode complicarse para o sector leiteiro galego. Entre os países máis exportadores a Rusia “figuran Alemaña, Países Baixos e Dinamarca, grandes produtores de leite e que nestes momentos se encontran acrecentando a súa produción para situarse en mellores condicións para disputar o mercado mundial perante a desaparición das cotas leiteiras o próximo 1 de abril de 2015”. Os países do norte de Europa foran acrecentado as súas entregas nos últimos anos prevendo que o mercado ruso puidera absorber parte deses excedentes. “Ao ficar fechado este mercado para as producións de leite do norte de Europa, o lóxico é que procuren outros mercados e o estado español é deficitario en leite e derivados, polo que se pode converter nun mercado apetecíbel”.

Fruga afirma que nestes momentos “as industrias que recollen leite na Galiza xa son as que menos pagan o leite aos seus fornecedores e esta situación aínda se pode agravar mais no futuro se entran no mercado español os excedentes procedentes do norte de Europa”.