O Estado español volve situarse entre os principais importadores de gas ruso na UE

Terminal de gas natural licuado de Reganosa en Mugardos (Foto: Europa Press).
Os Estados italiano e español foron os principais compradores de gas ruso entre os países da Unión Europea (UE), aumentando en marzo as súas adquisicións ao máximo desde febreiro de 2023.

Os Estados italiano e español foron os principais compradores de gas ruso entre os países da Unión Europea (UE), aumentando en marzo as súas adquisicións ao máximo desde febreiro de 2023. Así sucedeu a pesar de que o Goberno español solicitou ás empresas enerxéticas que deixen de importar combustíbel ruso.

En xeral, as entregas de gas ruso á UE aumentaron 2,3% en marzo, até 1.140 millóns de euros, dos cales 602,6 millóns de euros corresponderon a combustíbel por gasoduto e 539 millóns a gas natural licuado (GNL).

Italia foi o Estado que máis incrementou as súas compras durante o mes, multiplicando a importación por 2,6, até os 238,5 millóns de euros. Esta cifra foi a máis alta desde febreiro de 2023, cando adquiriu a Rusia gas por un valor de 282 millóns de euros. Como resultado, Italia converteuse no principal comprador de combustíbel ruso en marzo.

Pola súa parte, o Estado español multiplicou por 1,7 as súas importacións, até alcanzar os 196 millóns de euros, ocupando así o segundo lugar. Hungría completou o podio en canto a compras, con 174 millóns de euros fronte aos 210 millóns do mes anterior. Bélxica tamén aumentou as súas adquisicións de gas 36%, até 125 millóns de euros. Grecia rexistrou un lixeiro incremento, de 8%, até 120 millóns de euros.

Carta de Teresa Ribera

No mesmo de marzo, a vicepresidenta terceira do Goberno español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, enviou unha carta ás empresas enerxéticas españolas e aos principais vendedores privados de GNL para pedir que deixasen de comprar combustíbel ruso.

Na súa mensaxe, a titular exixiu ás compañías do sector que colaborasen ao máximo coas autoridades para que "as medidas sancionadoras dirixidas a debilitar Rusia económica e financeiramente fornezan o efecto desexado".

As importacións de GNL ruso á UE aumentaron tras as restricións impostas polo ente comunitario aos recursos enerxéticos rusos. Con todo, o Consello da UE e o Parlamento Europeo alcanzaron o 8 de decembro de 2023 un acordo político preliminar sobre a regulación do gas que inclúe unha cláusula de seguridade enerxética que permite aos Estados restrinxir a escala estatal as importacións por gasodutos e de GNL ruso.

Así mesmo, o 22 de abril, o chanceler sueco, Tobias Billstrom, declarou que a UE baralla incluír nun novo paquete de medidas restritivas en relación con Rusia a prohibición de importar o GNL. Desde Moscova indicaron en reiteradas ocasións que a UE cometeu un grave erro ao renunciar ás adquisicións dos hidrocarburos rusos.