A estiba fai fronte ao proxecto do goberno para ‘extinguir’ o sector

Porto de Vigo

Os traballadores da estiba do estado español están convocados a greves os días 20, 22 e 24 de febreiro. CIG, Coordinadora estatal de traballadores do Mar, CCOO, UXT chaman a secundar os paros.

Os portos galegos e do resto do estado español pararán, en días e horas alternas, do 20 ao 25 de febreiro. Os sindicatos chaman aos máis de 6.000 traballadores do sector (en Galiza, sumados os eventuais e das consignatarias, uns 400 operarios) a parar as horas impares comprendidas entre as 8:00 do día 20 e as 8:00 do 21, así como nas mesmas franxas do 22 e 23, e do 24 e 25. Unha mobilización convocada contra a pretensión do Ministerio de Fomento de impulsar un proxecto que implicaría, afirman, a extinción deste sector. Coa escusa de ‘liberalizar’ procúranse recortes salariais e converter postos indefinidos en precarios.

Así, sinalan que a formulación do Ministerio abre as portas a un “despedimento xeralizado”, intensificando a precarización laboral e salarial na estiba portuaria. A estratexia do Ministerio logrou “dinamitar” o proceso de negociación existente entre patronal e traballadores.

O ‘lobby’ das principais consignatarias que operan no estado encargou un informe no que se recomendaba, entre outras medidas recortar un 60% o salario dos estibadores e abrir as portas ao que os afectados entenden que sería a “lei da selva” en canto a contratación.