A facturación do sector servizos galego descende 2,7% mentres aumenta a nivel estatal

Dúas persoas atendendo nunha tenda de xoguetes. (Foto: Álex Zea / Europa Press)
Esta cifra sitúa á Galiza entre as cinco autonomías do Estado español nas que diminuíu esta taxa de variación interanual de negocios do sector servizos. 

O sector servizos rexistrou un descenso da súa facturación na Galiza do 2,7% en xuño con respecto ao mesmo mes de 2023, segundo os datos publicados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Esta cifra sitúa á Galiza entre as cinco autonomías do Estado español nas que diminuíu esta taxa de variación interanual de negocios do sector servizos. De media, o conxunto do Estado rexistrou un aumento de facturación do 0,2%.

Pola súa parte, a ocupación do sector servizos galego creceu un 1% no sexto mes deste exercicio, mentres que no conxunto do Estado español o número de afiliados e afiliadas á Seguridade Social neste sector aumentou 1,4%.

Estancamento no sector industrial

Pola súa parte, a cifra de negocios da industria galega caeu un 1,2% en xuño, en comparación co mesmo mes de 2023, segundo os datos publicados estea segunda feira polo INE. Co descenso de xuño, moito máis pronunciado que o de maio (-1,2%), as vendas da industria encadean dous meses consecutivos de taxas negativas.

En taxa mensual (xuño sobre maio) e eliminando a estacionalidade e o efecto calendario, a facturación da industria estancouse e non rexistrou crecemento nin descenso algún respecto ao mes anterior.

No conxunto do Estado español, a cifra de negocios do sector industrial diminuíu un 5% en xuño en relación ao mesmo mes de 2023, a súa maior caída desde o pasado mes de marzo, cando as vendas na industria experimentaron un derrubamento do 12,1%.