A falta de peso da industria láctea de capital galego reduce os prezos do leite

Dúas mulleres traballan muxindo as vacas nunha explotación leiteira de Friol, na comarca de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

As mellores remuneracións do leite para as gandeiras e gandeiros correspóndense con aqueles territorios onde existe un movemento de base cooperativo con peso no sector da transformación e da comercialización, do que é un exemplo Asturias.

O prezo do leite atópase estruturalmente na Galiza á cola do Estado español. Segundo os datos achegados pola Subdirección Xeral de Producións Gandeiras e Cinexéticas da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o prezo do leite situouse en xuño, último mes con cifras, en 0,45 euros por litro. Os mellores prezos pagounos a industria aos produtores en Canarias con 0,62 euros por litro, seguida de Asturias con 0,51 euros e Euskadi con 0,51.

Os baixos prezos do leite contrastan cos elevados custos de produción das explotacións galegas, como consecuencia da falla  da base territorial, un dos grandes problemas do sector. Mentres as granxas no conxunto europeo dispoñen dunha extensión de aproximadamente 40 hectáreas, a superficie das galegas é moi inferior. Precisamente, a maior dependencia de pensos ou do mercado de forraxes provoca que as explotacións deban destinar 55% dos seus ingresos a facer fronte aos gastos de alimentación dos animais, situación inédita mo contexto comunitario.

As mellores remuneracións para as gandeiras e gandeiros correspóndense con aqueles territorios onde existe un movemento de base cooperativo con peso no sector da transformación e da comercialización. Un bo exemplo disto atópase en Asturias, onde o prezo do leite colocouse de media este ano cinco céntimos por encima da Galiza polo efecto no mercado da Corporación Alimentaria Peñas Santas (Capsa), cuxa sociedade matriz é o conglomerado de base cooperativista, Central Lechera Asturiana (Clas). Precisamente, o papel deste grupo ten permitido nas últimas décadas que as gandarías asturianas sexan das mellores remuneradas do Estado.

Corporación Alimentaria Peñas Santas (Capsa) é o segundo grupo lácteo en presenza na Galiza. A empresa, titular de marcas tan recoñecidas como Larsa ou Clas, declara compras de 75 millóns de litros de leite procedentes de 425 granxas do país e conta con 250 traballadores, ocupados na súas fábricas de Outeiro de Rei (A Terra Chá) e Vilagarcía de Arousa (O Salnés). Porén, o grupo paga o leite ás granxas galegas seis céntimos por baixo do prezo estipulado para as asturianas, non permitindo a Central Lechera Asturiana a integración como cooperativistas dos gandeiros e das gandeiras galegas.

O primeiro e o terceiro operador do mercado lácteo galego son tamén empresas de propiedade estranxeira. Á cabeza, atópase  Lactalis, compañía que comercializa  marcas como Puleva, Ram, President ou El Ventero, que recolle 475 millóns de litros de leite a 1.172 explotacións galegas, empregando no país 305 persoas nas súas fabricas de Vilalba (A Terra Chá) e Nadela (Lugo). O grupo empresarial de capital francés desembarcou na Galiza hai xusto 40 anos, cando se fixo cunha queixaría en Vilalba, localidade onde mantén a súa sede fiscal para o conxunto do Estado español.

Lactogal, titular de Leche Celta, é a terceira empresa de transformación láctea da Galiza. Trátase dunha compañía de base cooperativa, de capital portugués, que ten a sede social e fiscal do Estado en Pontedeume (Eume), onde mantén aberta unha factoría que dá traballo a perto de 240 persoas. Malia descoñecerse o número exacto de explotacións onde recolle leite, a compañía declarou uns ingresos na Galiza para 2022 de 234,7 millóns de euros e uns beneficios de 811.000 euros.

As recollidas

Lactalis, Capsa e Lactogal non son unha excepción dentro do sector lácteo da Galiza. Segundo os datos achegados pola Estratexia de dinamización do sector lácteo galego para o horizonte 2020-2025, impulsada pola Xunta da Galiza e coordinada pola Fundación Juana de Vega, en 2019 das 10 primeiras industrias por ingresos do complexo lácteo só tres eran de capital galego, que ocupaban o cuarto, quinto e sexto lugar. Neste sentido, o documento apunta que “os ingresos das empresas de capital galego representan unicamente 24,9% da facturación da industria láctea que opera na Galiza con estabelecementos con NIF propio dentro do CNAE industria láctea”.

As empresas lácteas de capital estranxeiro manteñen unha posición hexemónica en relación co leite recollido no país A este respecto a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, indica que “se pode observar como máis de 30% do leite producido na Galiza é recollido por dous operadores, Lactalis e Capsa, que contan con industrias na Galiza, pero tamén fóra da comunidade. Os tres seguintes operadores en volume de recollida, roldan 10% cada un, Leche Rio, a primeira industria de capital galego, Leche Celta, con industria na Galiza, e Reny Picot, con industria no occidente asturiano”.

A Estratexia de dinamización do sector lácteo galego apunta tamén que “outros tres operadores recollen ao redor de 5%. Entre estes atópanse as dúas principais cooperativas galegas, Clun e Aira, e unha industria queixeira, Entrepinares. Entre os oito operadores citados recollen ao redor de 75% do leite producido na Galiza”. Neste sentido, os dous primeiros operadores lácteos de capital galego son Leche Rio, propiedade da familia Lence, e Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), un grupo de base cooperativa xurdido da fusión de Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños, que comercializa marcas como Feiraco e Unicla.

A Galiza produce 41% de todo o leite do Estado e conta con 56% das granxas

A Galiza continúa a ser unha gran potencia láctea. Os últimos datos ofrecidos polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) sinalan que produciu no mes de xullo, último con datos, 209.308 toneladas, o que representa máis de 33% do total da produción do Estado español. A continuación, pero xa moi lonxe, situáronse Castela e León con 107.063 toneladas, seguida de Asturias con 89.486 toneladas e Catalunya con 73.135 toneladas. Unha visión máis precisa do peso do sector lácteo galego ofrécena as cifras de produción anual. Neste sentido, as explotacións galegas produciron entre xaneiro e xuño 1,5 millóns de toneladas, que significaron 41% do total estatal. Pola súa parte, Castela e León produciu nese mesmo período 471.029 toneladas, o que representou 12% do conxunto do Estado. A continuación colocouse Catalunya producindo 10% do leite do Estado e Andalucía con 8%.

A Galiza contaba no mes de xuño con 5.463 explotacións lácteas, que representaban 56,4% do total estatal, malia perder 156 explotacións durante o ano 2024. Asturias é despois da Galiza a segunda comunidade no Estado español en numero de granxas, con 1.225 e 22,4% do conxunto estatal. Neste sentido, asístese no territorio galego a unha tendencia á concentración espacial da actividade do sector lácteo. O profesor de Economía, Socioloxía e Política Agraria da Universidade de Compostela (USC) Bernardo Valdés sinala que “esta tendencia derívase da propia lóxica da actividade agraria, onde resulta moi complicado controlar os prezos finais de venda fronte á industria e á distribución.