Feijóo adía até 2013 a comisión de investigación das caixas

Gayoso, Feijóo e Varela
O presidente en funcións da Xunta de Galiza entende que a comisión de investigación das caixas, cuxa creación foi aprobada polo Parlamento en primavera, poderá porse en marcha en 2013. Núñez Feijóo tamén mostrou a súa confianza en que NGB debe consolidar un proxecto autónomo, aínda que sinalou que iso é cuestión da dirección da entidade, descartando calquera posíbel actuación do goberno galego nese sentido

 

Pasada a convocatoria electoral, Núñez Feijóo vén de afirmar nunha entrevista a unha axencia de noticias, a súa "disposición" a que nesta lexislatura se constitúa unha comisión de investigación sobre as caixas, algo que foi aprobado polo Parlamento galego na primavera pasada a instancias dos grupos da oposición.

En plena polémica sobre a xestión destas entidades financeiras e a súa fusión (con cinco ex-directivos que declararon nestes días pasados na Audiencia Nacioinal), a comisión de investigación tardaría, a teor do expresado por Feijóo aínda varios meses en constituirse.

O presidente en fucións da Xunta tamén expresou a súa visión positiva de que Novagalicia Banco (NGB) se manteña como proxecto independente, aínda que descartou que o goberno galego dea pasos nese sentido. Fejóo inisiste en non exercer as competencias que posúe o executivo autonómico como lle vén reclamando desde meses atrás o BNG. A fronte nacionalista formulou a proposta de crear un banco público galego para recuperar o carácter das caixas hoxe fusionadas e que corren o risco de ser privatizadas polo FROB.

Emprego e Pemex

Na mesma entrevista, Feijóo anunciou que até o 2015 non comezarían a verse os brotes verdes, enfatizando en que até entón non será posíbel deter a destrución de emprego. Un recoñecemento que o candidato do Partido Popular á presidencia da Xunta non fixo en plena campaña electoral.

Tamén se pronunciou sobre os contratos de Pemex, manténdose na liña argumental de todo este tempo, sinalando que eses contratos existen.