Ferroatlántica: feche no Concello de Cee contra a venda das hidroeléctricas

Realizaranse concentracións diarias ante a Casa do Concello. As mobilizacións exixen ao presidente da Xunta que reciba o comité e que se comprometa a desautorizar a segregación de actividades, o que impediría a venda das centrais hidroeléctricas.

Traballadores de Ferroatlántica comezaron esta segunda feira, día 21, un encerramento indefinido no Concello de Cee, unha mobilización coa que manteñen a súa loita contra a desagregación e a venda das hidroeléctricas de Villar Mir. O feche irá acompañado de concentracións diarias diante da Casa do Concello ceense. O Comité chama a toda a cidadanía da comarca a sumarse ás protestas para manifestar o rexeitamento unánime á venda.

Con este protesto, o cadro de persoal mantén a loita contra a intención de Villar Mir de se desfacer das seis hidroeléctricas que ten en Galiza, por entender que iso supón afundir Ferroatlántica e un duro golpe para a comarca da Costa da Morte, onde por volta do 21% do seu PIB está relacionada con esta actividade.

"Todo para exixir a intervención inmediata da Xunta para que paralice a venda. Non chega con facer declaracións ambiguas de garantía do postos de traballo, nin que o PP da comarca se sitúe detrás dunha pancarta mentres o seu goberno pode ser o verdugo da comarca", explican desde o comité de empresa Insisten en que a única garantía para os empregos é manter a vinculación da actividade de produción de enerxía e ferroaleacións, pois é un único ciclo produtivo.

No acto desta segunda feira estiveron apoiando os traballadores que iniciaban o feche representantes de diversas forzas, como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a deputada nacionalista Noa Presas.

Antecedentes

O Grupo Villar Mir xa tentara consumar no ano 1992, cando adquiriu o complexo industrial e as plantas hidroeléctricas, unha operación de venda. Daquela, lembran desde a CIG, foi o Parlamento de Galiza, nunha decisión posteriormente ratificada polos tribunais de xustiza, quen impediu a separación de actividades, coa finalidade de salvagardar o interese público da explotación dos recursos naturais. "Nada mudou dende entón que permita autorizar a segregación das actividades", afirma Alfonso Mouzo, delegado da CIG, "nin os cambios administrativos dos fluxos do sistema eléctrico amparan as pretensións da empresa, nin a suposta repercusión da venda na comarca xustifican esta operación".