Desde a fin da cota láctea, hai dous anos, fecharon unha de cada dez explotacións galegas

Vaca

Organizacións como Fruga ou SLG inciden na difícil situación do sector.

Dous anos sen cotas lácteas e o sector lácteo galego continúa no mesmo escenario de problemas e dificultades, agravado polo continuo feche (que segue, mes tras mes) de explotacións. “O sistema de cotas non era perfecto, pero a liberalización salvaxe que agora se impón é aínda peor”, é unha reflexión partillada por gran parte do sector. Nestes dous anos fecharon mil granxas, 11% das existentes.

E a isto hai que engadir de que se ben o prezo medio na Galiza situábase en xaneiro nos 30'3 céntimos por litro, a maioría das explotacións galegas están a percibir remuneracións entre 26 e 28 céntimos. Moi lonxe dos prezos medios de países como Alemaña (34'13), Francia (35'15) ou Irlanda (35'85). Ou de territorios como Asturias, onde o prezo medio é de 33'4 céntimos. O Ministerio de Agricultura sitúa o gasto de produción por litro de leite en 34 céntimos. Así pois, na Galiza continuamos vendendo por baixo de custos.

Desde a Federación Rural Galega consideran que o futuro do sector lácteo pasa por un cambio nas políticas agrogandeiras que imperan na actualidade. “O sector lácteo galego precisa dunha política, que regule tanto a produción, como as relacións contractuais que se establecen entre os distintos axentes da cadea alimentaria. Do contrario estamos ante unha situación que pode acelerar a desaparición de explotacións leiteiras neste país”.

Desde o Sindicato Labrego Galego (SLG), reclaman “a necesidade de facer políticas públicas de control da produción e dos mercados que garantan prezos dignos e unha distribución racional e xusta da capacidade produtiva dos diversos territorios”.