Os fogares galegos onde non entra ningún ingreso superan xa os 37.000

Aumentan en case un 90% a respecto do inicio da crise. Os sindicatos alertan de que esta situación sitúa estas familias no disparadeiro da exclusión social e a pobreza.

En Galiza o número de fogares onde non entra ningún ingreso supera xa os 37.000. Son, segundo a Enquisa de poboación activa (EPA) do IV trimestre, 37.100, unha cifra que rexistra un aumento de 2.300 fogares a respecto do III trimestre. No exercicio anterior eran 35.500 os fogares nesta situación O dato do cuarto trimestre supón tamén un incremento de 88% se o comparamos co ano 2009. Os sindicatos advirten do insostíbel desta situación, na que se sitúa miles de familias galegas á beira da pobreza e a exclusión social.  

No noso país hai, tamén segundo a EPA, 69.600 fogares con todos os seus membros no desemprego. É unha cifra que supón unha mellora a respecto do ano anterior, 2015, cando eran 75.000 os que padecían esa situación. Porén, é un número que é 55% superior ao que había en 2009. E supera en 4.400 fogares os que estaban rexistrados en 2011 con todos os seus membros no paro.

A EPA tamén indica que Galiza despediu o ano con 118.900 persoas no paro de longa duración. Delas, 88.000 levan dous ou máis anos á procura de emprego. Outro dato a ter en conta é que de cada cen persoas que teñen en Galiza un contrato a tempo parcial, 61 están nesta situación dun xeito involuntario, basicamente, por non ter atopado outra saída laboral.