Folga indefinida do persoal da auxiliar de Alcoa

Alcoa San Cibrao
A empresa vén de aplicar, de forma unilateral, recortes en prestacións e dereitos

Os traballadores e traballadoras da Auxiliar de Alcoa  do Grupo Rodabell –Rodabell S.A; Montajes Rodabell SL; Mecanizados Rodabell S.L veñen de convocar unha folga indefinida dunha hora (de 8 a 9 da mañá) todas as segundas feiras (luns), a partir do vindeiro 7 de maio, segundo informan desde a CIG. Os operarios e operarias denuncian os recortes que, “unilateralmente e sen xustificación e/ou aviso previo”, vén aplicando a empresa sobre as prestacións e dereitos que, desde o inicio da prestación laboral, son parte do salario.

Entre outros recortes sinalan os dos tickets para o acceso ao comedor de Alcoa e o complemento de traballo a quendas, recollido no artigo 47 do Convenio provincial de Siderometal, así como compensacións por traballos extraordinarios, nomeadamente o complemento por chamada, ou sexa, pola dispoñibilidade fora de xornada laboral.

Alén diso, a auxiliar impuxo a disposición arbitraria, por parte da empresa, das vacacións dos traballadores e a ameaza, cumprida o 2 de Maio, de retirar dous meses de xornada intensiva, dos cinco vixentes, do 1 de maio ao 30 de setembro.

O seu obxectivo, con esta convocatoria de folga é a recuperación dos dereitos recortados, e que a empresa acceda a negociar cos representantes dos traballadores calquera modificación que pretenda aplicar.

Afirman que  a empresa, en varias reunións, non só non se prestou á negociación, senón que en cada unha delas ameazou con recortar máis, sen outro argumento que quen lles impón os recortes é a propia Alcoa.