O Fondo de pensións baleirouse un 76% desde a chegada de Rajoy ao goberno

Vén de sacar 9.500 millóns de euros, a maior retirada dunha soa vez. O executivo español recoñeceu a Bruxelas  que a finais de 2017 na 'hucha' das pensións non ficarán cartos nin para pagar a extra de Nadal.

Cando Mariano Rajoy chegou á Moncloa, en 2011, atopou un Fondo de pensións ben nutrido, con 66.815 millóns de euros. En decembro deste ano fican na 'hucha' 15.915 millóns de euros, un 76% menos. A decisión coñecida esta quinta feira de retirar 9.500 millóns de euros supuxo a maior cantidade retirada dunha soa tacada. En 2016 o goberno sacou do fondo 19.200 millóns de euros.

Para finais do ano que vén non haberá un só euro no fondo, que estará en números vermellos (-2.655 millóns de euros). Son as propias previsións e cálculos que o goberno español incluiu no Plan orzamentario de 2017 e que remitiu a Bruxelas. O executivo recoñecía que non habería cartos nin para pagar a extra do Nadal de 2017.

O Fondo creouse no 2000 e até o 2012 non se comezou a retirar capital. A primeira partida sacada foi de 7.000 millóns de euros. As contribucións no Estado español para pensións están por baixo da media que destinan os estados europeos. Embora o aumento de afiliados nos últimos trimestres, as cotizacións para o fondo de pensións son baixas por mor da precariedade laboral e baixos salarios. Un cadro no que hai que lembrar que as pensións galegas son das máis baixas do Estado: Unha de cada tres pensións galegas non pasa da cuantía mínima.