Forzan a retirada de cartóns de leite a 20 céntimos. “Iso é tóxico para a supervivencia do sector”

Cartóns de leite a 20 céntimos nos liñais dun supermercado. Unha imaxe que, embora denuncias e protestos de sector e tamén dos consumidores, continúa a poderse ver. Desta volta na cadea El Árbol, que procedeu á súa retirada despois das denuncias feitas por Unións Agrarias-UPA e que levou a Interprofesional Láctea a ter que activar 'Protocolo de Banalización' incluído no acordo lácteo, o que forzou a retirar as ofertas a 20 céntimos de leite Reny Picot.

O sindicato considera que este tipo de ofertas e actuacións son algo "completamente tóxico para a supervivencia do sector", que entraba en clara contradición dos acordos asinados en setembro de 2015 para mellorar o funcionamento da cadea de valor do leite e evitar a venta de leite a prezos moi por debaixo do considerado prezo sostible, que poñan en perigo os elos máis febles da cadea.

Unións Agrarias aproveitan para esixirlle unha vez máis á administración que " vaia máis alá das grandes declaracións de apoio o sector e que faga o seu traballo de fiscalización destas actitudes comerciais devastadoras".