Fruga advirte á Xunta que as súas medidas para afrontar danos de xeadas e saraibadas "non serven"

Para a Federación Rural Galega os empréstitos anunciados pola Xunta para facer fronte aos danos causados polos fenómenos climáticos “non serven”

Os empréstitos a xuro cero anunciados pola Xunta para as explotacións agrarias afectadas polas xeadas e as sarabiadas “non son unha axuda e non serven para paliar as perdas”, segundo a Federación Rural Galega, Fruga. A organización lamenta que a medida anunciada por Feijóo de facilitar prestamos, a xuro cero, para o financiamento de circulante ou o refinanciamento de pasivo adopte este tipo de accións “de costas ao sector”.

 

En opinión de Xurxo Álvarez, presidente da Fruga e viticultor de Cenlle, na comarca do Ribeiro, “esta medida non é unha axuda; en todo caso é unha medida que favorece ás entidades bancarias, non a nós”.

 

“As axudas mediante prestamos a xuros reducidos ou nulos, é adecuada para facilitar e fomentar a concorrencia promovendo o incremento da produtividade, tal como están pensados, por exemplo. para os planos de mellora. En todo caso os prestamos sempre hai que devolvelos, partindo de que quen se beneficia deles vai poder afrontar a súa devolución porque se prevé que vai ver acrecentados os seus ingresos, e este non é o caso das persoas afectadas polas incidencias climáticas padecidas no que vai de ano”.

 

Fruga lembra á Xunta que as medidas demandadas polo sector pasan por axudas directas como as concedidas, no seu momento, na Ribeira Sacra, a condonación das cotas da Seguranza Social por un período non inferior a seis meses, así como unha liña de crédito para facer fronte as necesidades de liquidez e circulante, pensando sobre todo nas adegas, e por último demandabamos a constitución dunha mesa de negociación.