Fruga carga contra a “incompetencia” da Xunta na xestión da couza guatemalteca e os temporais

A Federación Rural Galega fala de “ineficacia” e de “sumisión” do goberno galego, ao que acusa de “falta de interlocución” co sector.

A Xunta amosou non ser quen de facer fronte ás ultimas situacións problemáticas que tivo que viviir o agro galego, a couza guatemalteca e os temporais. Así o afirma a Federación Rural Galega (Fruga) nun comunicado, no que fala de que o goberno galego deixou claro ante estas situacións a súa “ineficacia, subordinación e falla de interlocución”.

A organización lembra a preocupación pola couza guatemalteca que hai nos concellos afectados e tamén naquelas zonas produtores, como A Limia, Terra Chá ou Bergantiños. Unha preocupación ante a que a Xunta non dá pasos, optando por unha “sumisión total a Madrid”, negándose a exercer as súas competencias e agardando que o goberno central faga algo. A isto engade que este problema que afecta á pataca apareceu en Galiza hai dous anos e que neste tempo a Xunta “permaneceu inactiva”.

A isto a Fruga engade as críticas pola xestión dos efectos dos temporais, que deixaron sen luz centos de explotacións e negocios, causando importantes prexuízos. A Federación entende que o goberno galego amosou aquí a “submisión ás eléctricas por permitir un trato discriminatorio coa poboación que vivimos no rural galego. Padecemos cortes de luz e por riba pagamos igual que se estiveramos no centro de Madrid, cando moitas das nosas terras produtivas se viran afectadas polos encoros que se fixeran no seu momento para beneficio das eléctricas”.