Fruga rexeita unha redución unilateral da produción láctea en Galiza

Leite

Considera máis viábel e xusto unha “redistribución” a nivel de Europa e tendo como base a realidade leiteira de cada territorio, por riba de dereitos históricos

A posibilidade de establecer 'límites voluntarios' á produción de leite no Estado español está a ser valorado polo Ministerio de Agricultura con organizacións agrarias, cooperativas e industrias. En Europa prodúcese máis leite que o que é quen de vender. A Comisión europea nun primeiro momento apelou ao libre mercado como o elemento que regularía oferta e demanda e solucionaría a situación. Mais non foi así e a propia comisión europea abriu as portas a que cada estado poida establecer os límites voluntarios á produción que considere. Iso si, Bruxelas gardouse ben de ter achegar cartos para un proceso que xera non poucas interrogantes.

Non entendemos como se pode falar da redución da produción nun estado deficitario, como é o estado español, que a día de hoxe só produce o 75% do que consume

Desde a Fruga (Federación rural galega) desbotan que se poida dar unha redución unilateral da produción en Galiza. “Non entendemos como se pode falar da redución da produción nun estado deficitario, como é o estado español, que a día de hoxe só produce o 75% do seu consumo, sendo constante e continúa a entrada de leite de fóra, tanto no que respecta a produtos elaborados, como no que respecta a entrada diaria de cisternas foráneas con leite liquido”, di nun comunicado.

Esta organización entende que calquera proxecto ou medida de reducir a produción ten que se facer a nivel europeo e móstrase partidaria, máis que de reducir a produción, dunha “redistribución”. “D contrario”, advirten, “todo litro de leite que se deixe de producir no Estado español, vai vir doutro estado, e cada litro de leite que deixe de producir na Galiza, pode ser producido en Francia, Alemaña ou Irlanda, sobre todo por estes últimos estados que xa teñen manifestado a súa oposición a aplicar esta medida. Irlanda acrecentou a súa produción nu último ano nun 30%.

Fruga propón maior control da produción e unha redistribución da mesma “en función da vocación produtora de cada unha das zonas de Europa

Así pois, a Fruga aposta nun control da produción e nunha redistribución da mesma “en función da vocación produtora de cada unha das zonas de Europa, así como tendo de conta o balanzo produción/consumo dentro dos Estados da UE e atendendo a criterios de carácter social”.