O 27N, folga do leite en defensa de 10.000 empregos na Galiza

Explotación leiteira
Os baixos prezos do leite están a situar milleiros de explotacións galegas ao borde do peche. A insostíbel situación fai que sindicatos e organizacións de productor@s convoquen un calendario de mobilizacións que terá o seu cume o 27 deste mes, cunha folga na distribución do leite

 

A situación é insostíbel e milleiros de explotacións gandeiras de Galiza veranse forzadas ao peche de non variar o escenario actual, marcado polos prezos máis baixos do estado e de Europa. Un dos sindicatos que apoia a folga do vindeiro día 27, a Federación Rural Galega (Fruga), sinala que "sendo o prezo do leite das granxas situadas no Estado español de 31,40 €/100Qg e incluíndo este o prezo das granxas galegas (29,36 €/100Qg), fica claro que o prezo percibido polas granxas situadas fóra da Galiza é moito superior ao prezo que estamos a cobrar na Galiza, a redor de 3 ou 4 céntimos máis, xa que a maiores debemos ter de conta que aquí producimos aproximadamente o 40% do leite de todo o estado".

Na Fruga, o seu responsábel de sectores gandeiros, Xosé Elías Somoza, denuncia tamén que a situación de discriminación que padecen as granxas leiteiras galegas "ten moito a ver coa política levada a cabo polo PP desde o Goberno da Xunta" ao longo da lexislatura pasada. Somoza acusa o executivo de Feijóo de "dinamitar todos os instrumentos dos cales a anterior consellaría do Medio Rural dotara o sector leiteiro galego e renunciar a liderar o sector leiteiro".

Aliás, Xosé Elías Somoza pon en cuestión tamén o papel do resto de organizacións profesionais agrarias, que segundo el desenvolveron unha  "actuación timorata e desenfocada ao eximir das súas reivindicacións ao goberno galego do Partido Popular e enfocar este problema exclusivamente desde o punto de vista economicista".

Prezos de miseria

Desde 2005, entrementres os ingresos d@s gandeir@s galeg@s pola venda de leite medraron un 0,9%, os custos de explotación fixérono nun 29,6%, co cal a súa renda caeu nun 43%.  Isto está provocado en boa medida porque o prezo que reciben é dos máis baixos da Unión europea e o máis baixo do Estado español: un 5,5% menos que a media estatal, un 5,48% inferior ao de Portugal, un 1,10% inferior ao de Francia, un 5,65% ao de Alemaña e un 12,16% inferior ao de Holanda.