Galeg@s remitiron a paraísos fiscais 24 millóns de euros anuais desde o inicio da crise

diñeiro

Panamá, Macao, Illas Caimán, Emiratos ärabes ou Hong Kong son algúns dos destinos favoritos das e dos galegos para desviar diñeiro.

 

Cos primeiros indicios da crise que chegaba, os desvíos de cartos a paraísos fiscais desde Galiza comezaron a aumentar, e de forma máis que notábel. Así, entre 2007 e 2013 e, segundo dados do Ministerio de Economía, saíron do noso país con destino a algún paraíso fiscal aproximadamente 170 millóns de euros. Unha cifra que multiplicaba por oito a que se movera cara á eses destinos no período anterior, 2000-2007 -que fora uns 20 millóns de euros-.

E cales foron os paraísos que @s galeg@s escolleron nestes últimos anos para desviar cartos? O primeiro deles, Panamá, a onde remitiron 57 millóns de euros de 2007 a 2013, un terzo do total desviado nese período a paraísos fiscais. A continuación está Guarnsei, un peculiar territorio sob soberanía británica e situado no Canal da Mancha. Nestes sete anos remitíronse alí 50 millóns de euros. Este territorio deixou de ser considerado paraíso fiscal polo Goberno español en datas recentes.

En 2013 de Galiza saíron para o estranxeiro 630 millóns de euros. O investamento foráneo no noso país o ano pasado foi de 52 millóns de euros

A lista contén máis paraísos: Macao (onde os galegos desviaron case 30 millóns de euros), Hong Kong (case 19 millóns), Illas Caimán (5,7 millóns) ou Emiratos Árabes Unidos, con algo máis de tres millóns de euros recibidos desde Galiza no mencionado período.

O investimento estranxeiro en Galiza e de Galiza no estranxeiro

Durante o 2013 saíron de Galiza para o estranxeiro máis de 630 millóns de euros. O 75% deses cartos foron para Luxemburgo, un país cunha fiscalidade moi reducida e polémica, embora o Estado español non o considera un paraíso fiscal.

Galiza é o cuarto territorio de todo o Estado que máis capital envía ao estranxeiro. Só Madrid, Cantabria e Euskadi superan o noso país neste eido.

E, paralelamente, o investimento estranxeiro desmoronou en Galiza en 2014: case un 80% menos que no exercicio anterior. Só 52 millóns en investimento produtivo, apenas un 0,3% do que se recibe en todo o Estado.