Gráficos

Galiza fechou xullo coa maior inflación do Estado por quinto mes consecutivo: así subiron os prezos no último ano

Datos definitivos do IPC de xullo publicados esta terza feira polo INE.
Desde o Ministerio de Economía, Comercio e Empresa salientan que a inflación dos alimentos, que segue nunha senda descendente —tanto de media no Estado como na Galiza—, rexistrou en xuño a súa menor taxa de variación anual en case tres anos (3,2% na Galiza).

Quinto mes consecutivo no que Galiza lidera a inflación no conxunto do Estado español. O Índice de Prezos de Consumo (IPC) fechou xullo cun rexistro na variación anual de 3,1% no país —único que supera o limiar de 3%—, segundo os datos definitivos publicados esta terza feira polo INE, que reflicten unha inflación media de 2,8% a nivel estatal. Após Galiza sitúanse Asturias, Balears, Canarias, Catalunya e Euskadi (2,9%).

O dato de xullo, con todo, mostra unha considerábel caída a respecto do mes anterior, cando na Galiza a taxa interanual do IPC fora de 3,7%, o mesmo descenso que se produce no conxunto do Estado, pois en xullo a inflación alcanzara 3,4%. E malia todo o 3,1% é a menor marca de 2024 no noso país, que comezou o ano con 3,8% e chegou a 4% en maio, se ben fica desde xaneiro significativamente por riba da media estatal.

 

Esta moderación da inflación débese á caída en todos os grupos do IPC en comparanza con xullo agás as bebidas alcólicas e tabaco —incremento de nove décimas— e os restaurantes e hoteis —sete décimas máis— . Á cabeza do encarecemento interanual sitúase este último capítulo (6%), que a nivel estatal é tamén o maior (4,7%).

 

Desde o Ministerio de Economía, Comercio e Empresa salientan que a inflación dos alimentos, que segue nunha senda descendente —tanto de media no Estado como na Galiza—, rexistrou en xuño a súa menor taxa de variación anual en case tres anos (3,2% na Galiza), desde novembro de 2021 no caso galego.

O departamento dirixido por Carlos Cuerpo precisa que os datos de inflación "seguen reflectindo a capacidade da economía española de compatibilizar un dos maiores crecementos económicos entre os principais países da eurozona", como poñen de manifesto, din os datos de crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) do segundo trimestre, coa moderación dos prezos.

Neste senso, o Ministerio tamén sinalou que durante o mes de xullo "seguiu constatándose a progresiva baixada da inflación dos alimentos, que, grazas ás medidas de apoio adoptadas, está a permitir reducir o seu diferencial coa xeral".