En Galiza realizáronse 181.115 horas 'extras' non pagadas en só 3 meses

CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Mikel Arrazola

Representan máis da metade do total de horas extras feitas no noso país no primeiro trimestre de 2016. As non remuneradas equivalen a uns 4.500 empregos.

Contratación temporal, a xornada parcial e mal pagada son algunhas das características que marcan a precariedade do mercado laboral galego. Mais non son as únicas.Tamén hai que meter nesa listaxe as horas extraordinarias non remuneradas. Segundo Maica Bouza, secretaria de Emprego de Comisións Obreiras, no primeiro trimestre de 2016 realizáronse 329.300 horas extraordinarias. As non remuneradas acadaron o 55 % do total, é dicir, estamos a falar de 181.115 horas extras non pagadas. E só en tres meses. Un dado que convida a se facer preguntas como a de cantos empregos podían xerarse de non se realizar esas horas de traballo ilegais? Por volta de 4.500, estima o propio sindicato.

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) aponta que no 2015 o número de horas extras non remuneradas no Estado estaban ao nivel de 2008, ano no que había dous millóns máis de persoas traballando que agora. Un dado que para os sindicatoa é evidencia da precarización que sofreu nestes anos o mercado laboral, algo ao que en absoluto foi alleo o mercado laboral galego.

Campaña

Os datos sobre as horas extras son algúns dos que Comisións Obreiras pon sobre a mesa na campaña que impulsa para denunciar a precariedade laboral na Galiza. Maica Bouza explica que o 31 % das persoas asalariadas cobra por baixo do salario mínimo interprofesional (SMI) e que debemos ter presente que a precariedade está “intimamemente ligada” á sinistralidade. Así, informa, a porcentaxe de accidentes de traballo é case o duplo nas persoas con contratos temporais ca nas contratadas de xeito indefinido (2,4 % fronte ao 4,5 %).

As mulleres e os menores de 30 anos son os colectivos “que teñen máis papeletas” para ocuparen un posto de traballo a tempo parcial, sinalou a sindicalista: o 22,1 % das mulleres e o 23,9 % das persoas de 16 a 29 anos.