Galiza mantense como o territorio máis caro para repostar

Un estudo da OCU sitúa tres provincias galegas entre as cinco de todo o Estado cos prezos máis altos en carburantes.

Galiza segue a ser o territorio onde sae máis caro repostar, unha posición que atesoura desde hai anos e que un novo estudo, desta volta da Organización de consumidores e usuarios (OCU), refrenda. Tres provincias galegas (Pontevedra, Ourense e Lugo) figuran entre as cinco máis caras do estado español.

Cómpre lembrar que en 2015 a gasolina caeu un 11,5% no Estado (en Galiza só un 10%) e o gasoil un 14,6%. O petróleo fíxoo un 34%. Que sendo un dos poucos territorios con refinería, Galiza teña dos carburantes para automoción máis caros débese a varios factores, segundo analistas. Como que se grava co tipo máximo de imposto especial (4,8 céntimos o litro). Mais noutras autonomías que tamén gravan, o combustíbel non é tan caro. Apontan entón á falla de competencia abonda, algo que non pasa noutros territorios.

De feito, no estudo da OCU, a partir dos datos de 8.000 gasolineiras, indican como naqueles territorios como Nafarroa ou Lleida con prezos máis baixos hai unha maior implantación de cadeas locais e de gasolineiras ligadas a áreas comerciais, o que implica maiores niveis de competencia.