A Galiza perde nun ano 237 empresas no sector primario e 111 no industrial

Polígono Industrial na Coruña. (Foto: Cedida)

Desde a pandemia perdeu 2,6% das sociedades emprsariais ao tempo que no Estado aumentaron 0,2%.

Cómpre resaltar a destrución do tecido empresarial na Galiza dende o ano 2008, cunha caída de 8,4% (7.366 empresas menos), fronte ao incremento de 0,5% no Estado.

A Galiza conta cada vez con menor número de empresas ao tempo que no conxunto do Estado español aumentan as cifras. Unha realidade que constata o Consello Económico e Social na súa última memoria.

A caída máis acusada dáse na Galiza en termos relativos no sector primario, cunha redución de 4,2% (237 empresas menos que no ano anterior); por diante da industria, que presentou unha caída interanual de 1,6% (111 empresas menos).

No ámbito da construción, a redución do número de empresas galegas foi de 0,5% (45 empresas menos) e de 0,1% no sector terciario (89 sociedades menos que no ano anterior).

Doutra parte, fronte a este descenso de socieddes empresariais na Galiza, no Estado español só hai unha perda -leve- no sector industrial (‐0,9%), mentres que o número de empresas con traballadores inscritos na Seguridade Social aumenta 1,6% no sector da construción, 0,9% no sector primario e 0,6% nos servizos.

Cómpre resaltar a destrución do tecido empresarial na Galiza dende o ano 2008, cunha caída de 8,4% (7.366 empresas menos), fronte ao incremento de 0,5% no Estado

A ralentización da economía galega incide nunha nova caída do número de empresas inscritas na Seguridade Social. A 31 de decembro 2023 Galicia conta con 80.106 empresas inscritas, o que supón unha caída interanual de 0,6% (482 empresas menos).

Fronte a este descenso, o Estado español presenta unha medra de 0,6% respecto ao ano anterior, polo que continúa o descenso do peso relativo das empresas galegas no total estatal, que no último ano é de 6%, unha décima menos que en 2022.

Atendendo á súa evolución ao longo dos últimos anos, a tendencia descendente do peso relativo das empresas galegas no total estatal pasa de representar 6,73% no ano 2010 a 5,99% do último ano. Ademais, de tomar como referencia o número de empresas a 31 de decembro de 2019, a caída do número de empresas é significativamente superior na Galiza que en España.

En concreto, o número de empresas con traballadores inscritas na Seguridade Social na Galiza é 2,6% inferior á rexistrado a comezos da crise socioeconómica orixinada pola pandemia (–0,2% no conxunto do Estado).

Ao mesmo tempo cómpre resaltar a destrución do tecido empresarial na Galiza dende o ano 2008, cunha caída de 8,4% (7.366 empresas menos), fronte ao incremento de 0,5% no Estado.