Galiza perdeu en 2016 máis de 13.500 hectáreas de terras de cultivo

agro rural CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Gobierno VascoMikel Arrazola'

En só un ano perdeu 4% desa superficie agraria.

As hectáreas de terras de cultivo reducíronse en 4% en Galiza ao longo de 2016. Así o confirma o informe que vén publicar o Ministerio de Agricultura tomando como base o sistema de información de parecelas agrícolas (Sigpac), empregado no marco da Política Agraria Comunitaria (PAC).

O noso país dispón dunha superficie total de cultivo de 324.461 hectáreas, o que supón un descenso de 13.592 Has a respecto das 338.053 de 2016. Os pastos aumentaron nese mesmo período nun 1%, aumentando até as 1.2354.555 hectáreas. Os cultivos permanentes de viñedos (21.376 hectáreas) y frutais (29.404 hectáreas) mantivéronse sen cambios significativos durante estes meses.

Desde 1985 en Galiza perdéronse 265.000 hectáreas de superficie agraria útil (Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial, do Laboratorio do Territorio, Universidade de Santiago). “É un dado que amosa o que aconteceu no país nestas tres décadas: fechamento de miles de explotacións, desertización do rural...”, sinalaba Manuel Dacal, da Federación Rural Galega (Fruga) en declaracións a Sermos Galiza. Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego (SLG), denunciaba, pola súa parte, que cada vez son máis as hectáreas que acaban en mans de grandes empresas na Galiza, de maneira directa ou indirecta, para fins que non teñen que ver coa produción de alimentos.

En Galiza a superficie agraria últil non chega ao 25% do territorio, o que supón unha das porcentaxes máis baixas de Europa. O 3,1% das explotacións agrarias existentes na Unión Europea concentran o 52 por cento da superficie agraria útil. Son 336.000 explotacións, de máis de 100 hectáreas, e que controlan máis de 91 millóns de hectáreas de superficie agraria útil (SAU), máis da metade da existente na UE. O 75% das explotacións europeas (menos de 10 hectáreas) representan apenas o 11% da SAU, por volta duns 19 millóns de hectáreas.