Galiza, segunda potencia conserveira do mundo, carece de convenio propio e teno que negociar en Madrid

Delegad@s da CIG no sector reclaman un convenio colectivo de ámbito galego que garanta as condicións laborais e salariais das traballadoras da industria conserveira. Euskadi e Huelva téñenos, embora este sector xere menos empregos e produción que en Galiza.

O sector conserveiro xera na Galiza por volta de 12.000 empregos, o que supón o 80% dos existentes en todo o Estado español nesta rama de actividade. O noso país ten 65 industrias conserveiras, que representan por volta do 80% de toda a produción do Estado español. Somos a primeira zona produtora da Unión Europea e a segunda do mundo, despois de Tailandia. Mais non temos convenio colectivo propio, senón que facemos parte do estatal e as negociacións centralízanse en Madrid. Outras zonas con moito menor peso conserveiro que Galiza, como Euskadi ou Huelva, teñen convenios propios, lembra en conversa con Sermos Galiza Rosa Abuín, representante da CIG na mesa de negociación.

O convenio estatal leva máis dun ano parado. Comezou a negociación con polémica, coa CIG denunciando que desde a patronal se propuxera que as traballadoras cobrasen parte do seu salario en especies; o que tivo que acabar retirando. Nestes meses houbo xuntanzas e reunións, mais as conversas actualmente está estancadas.

Delegadas e delegados da CIG no sector da conserva concentráronse este martes diante dos edificios da Xunta en Vigo en demanda dun convenio colectivo de ámbito galego que garanta as condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores, fronte aos recortes que pretende impor a patronal.

Traballar de luns a domingo e manter a discriminación entre homes e mulleres

Rosa Abuín afirma que as agrupacións empresariais buscan que se traballe de luns a domingo, incrementar a xornada durante a vixencia do convenio, manter a discriminación salariais entre homes e mulleres, eliminar o plus de antigüidade ou aumentar a bolsa de horas de libre disposición. No tocante ás melloras económicas, o empresariado ofrece unha suba salarial miserenta “que non chega nin ao 0.5%”.

“Este sector non se veu afectado pola crise, senón todo o contrario, e a propia patronal recoñece que está aumentando beneficios. Non entendemos entón por que non avanza nas negociacións e busca un convenio á baixa, recortando dereitos que tiñamos recoñecidos”, indicou Abuín.