O Goberno español convoca unha reunión urxente da mesa de Alcoa
O Goberno español vén de convocar para esta segunda feira, 28 de decembro, unha reunión urxente da mesa multilateral de Alcoa, na que están representados os ministerios de Industria e Transición Ecolóxica, a Xunta da Galiza, a representación dos traballadores e as traballadoras e a propia multinacional, para abordar a situación da factoría.
O anuncio desta nova convocatoria prodúcese tan só unhas horas despois de coñecerse o recurso de Alcoa ante o Supremo da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que declaraba nulo o despedimento colectivo previsto pola firma norteamericana para a planta de aluminio primario de San Cibrao (Cervo), ao entender que existira "mala fe" por parte da empresa.
As partes, que mantiveron a última xuntanza o pasado 16 de novembro sen rexistrar ningún avance nas negociacións para esclarecer o futuro da planta de aluminio primario da Mariña, están citadas por videoconferencia ás 18.30 horas.
Insiste nos despedimentos
O recurso de casación presentado pola empresa ante o Supremo evidencia que o único camiño posíbel para Alcoa pasa polo despedimento de máis de cincocentas persoas e o feche da planta de aluminio primario, a única do Estado español.
Após a sentenza do TSXG, tanto o Goberno estatal como a Xunta confiaban en que Alcoa sentase a negociar unha saída que garantise a continuidade da actividade industrial na Mariña. Ambas as dúas administracións apostan na vía da venda a un terceiro, que ben podería ser Liberty House, ou mesmo a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), que chegara a facer unha oferta cando vencía o prazo de negociación para a venda da planta.
Pola contra, a representación dos traballadores insiste na intervención da factoría no caso de que Alcoa non acceda a negociar unha venda, como parece que así é á vista dos feitos.
Esta mesma semana, o comité de empresa chegara a ofrecer novamente o levantamento da folga indefinida que manteñen en San Cibrao e que ten bloqueados cen millóns en mercadorías nas instalacións a cambio de que Alcoa sentase a negociar unha saída.
Finalmente será o Goberno español quen sente as partes para tratar de despexar o futuro da planta de aluminio de Cervo.