O Goberno español distribuirá 154.000 millóns do financiamento autonómico

A vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, intervén durante a rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministras, na Moncloa, o 25 de xuño de 2024 (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
Esta terza feira, o Goberno español anunciou a distribución para este ano dos 154.467 millóns de euros entre as comunidades autónomas de réxime común en concepto de entregas a conta da liquidación do sistema de financiamento autonómico.

O Goberno español aprobou esta terza feira a distribución para este ano dos 154.467 millóns de euros entre as comunidades autónomas de réxime común en concepto de entregas a conta da liquidación do sistema de financiamento autonómico, o que supón case 20.000 millóns máis que o ano pasado.

Anunciouno a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministras.

O sistema de financiamento autonómico opera mediante unhas entregas a conta dos recursos tributarios que se estima ingresaran ao longo do exercicio en concepto de IRPF (a tarifa autonómica) e as porcentaxes que marca a lei que lles corresponde do IVE e Impostos Especiais e que o Estado adianta. 

O Consello de Política Fiscal e Financeira de decembro xa avalou actualizar as entregas a conta, que ascenden a 134.658 millóns de euros a repartir entre as comunidades autónomas este ano. O resto corresponde á liquidación do sistema de financiamento.

E tal e como se acordou na Comisión de Administración Local, entre o Goberno e a Federación Española de Municipios e Provincias, os municipios recibirán un total de 28.557 millóns de euros en conceptos de entregas a conta para este ano, 5.620 millóns máis que en 2023. 

Axudas á electrointensiva

Ademais, o Consello autorizou ao Ministerio de Industria e Turismo convocar este ano o mecanismo de compensación de custos de emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro por un importe de 300 millóns de euros para os custos incorridos durante 2023 pola industria electrointensiva no Estado.