O Goberno español entrega ás eólicas 2.350 quilómetros cadrados do litoral galego

As ministras Pilar Alegría e Teresa Ribera durante o Consello de Ministros da terza feira. (Foto: Europa Press)
A política enerxética marcou onte do Consello de Ministros. Teresa Ribera, que se despedía do Goberno do Estado, quixo deixar a carteira aprobando o novo Plan nacional integrado de Enerxía e Clima e o Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovábeis situadas no mar.

O Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovábeis situadas no mar aprobado na xornada de onte era un dos compromisos pendentes da ministra Teresa Ribera. O mesmo, vén desenvolver a normativa recollida no Real Decreto 150/2023 polo que se aproban os Plans de ordenación dos espazos marítimos (POEM) e a derivada do disposto na Folla de ruta da eólica mariña e das enerxías do mar acordada polo Executivo do Estado.

A normativa aprobada onte confirma que as instalacións eólicas mariñas só poderán emprazarse naqueles espazos definidos no Real Decreto 150/2023 como Zonas de alto potencial para as enerxías renovábeis (Zaper), que na Galiza corresponden con cinco polígonos situados noutros cinco espazos do litoral galego que suman unha superficie de 2.350,8 quilómetros cadrados (km2).Nesta liña, Galiza concentra máis da metade das zonas reservadas para a xeración de eólica mariña no Estado.

A orde ministerial determina que a concesión de dereitos para desenvolver unha instalación eólica mariña outorgará á vez ao proxecto o Réxime económico de enerxías renovábeis, a reserva de capacidade á rede de electricidade nun nó concreto e a prioridade no outorgamento da autorización  de ocupación do dominio público marítimo-terrestre. Ao tempo, estabelece que o proxecto deberá someterse aos requisitos ordinarios de declaración de impacto ambiental (DIA) e cumprir cos fitos e prazos de tramitación.

A regulación fixa “unha fase de diálogo público entre os promotores e os sectores afectados para incrementar as externalidades positivas, o desenvolvemento industrial das rexións costeiras próximas e a coexistencia das instalacións de xeración con outros usos das augas, como a navegación”. A mesma “poderá atender a elementos como as áreas de localización e os requisitos do concurso, os elementos do deseño, construción, explotación e desmantelamento das instalacións, ou os criterios de ponderación”.

Unha vez concluída esta fase de diálogo, o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) ditará unha nova orde ministerial onde se convocará o concurso eólico, estabelecendo o calendario e os outros elementos da poxa e incluíndo, de ser o caso, as modificacións derivadas do proceso de diálogo entre as partes. A avaliación das solicitudes corresponderalle a unha comisión técnica integrada polo Miteco e outros departamentos do Goberno do Estado, como  Agricultura, Pesca e Alimentación, Defensa ou Transportes e Mobilidade Sustentábel.

Plan nacional integrado de enerxía e clima

O Consello de Ministros deu tamén onte luz verde á revisión do Plan nacional integrado de enerxía e clima (Pniec), onde define os obxectivos a seguir en materia de xeración de enerxía de orixe renovábel e de descarbonización conforme aos obxectivos marcados pola Unión Europea (UE) . Os obxectivos marcados no documento de cara a 2030 fixan a redución de 32% as emisións de gases invernadoiros (GEI) respecto a 1990 e a utilización de 81% de enerxías renovábeis na xeración eléctrica.

Galiza xa está cumprindo os criterios definidos na terza feira polo Consello de Ministros. Así, xerou 8.977.429 megawatts hora (MWh) de orixe renovábel no primeiro cuadrimestre de 2024, último período con datos, representando as enerxías 89,1% do total da produción eléctrica galega, destacando 5.361.071 MWh de tecnoloxía hidráulica, 3.451.474 MWh de procedencia eólica e 105.086 MWh doutras fontes renovábeis. Resulta significativo o incremento da electricidade de orixe renovábel a respecto do mesmo período do ano 2023.

O consumo de electricidade na Galiza nos primeiros catro meses deste ano colocouse en 4.830.997 MWh, o que representa 53,8% do total da produción renovábel galega. Neste sentido, a xeración de orixe renovábel vén superando as necesidades de consumo eléctrico da Galiza desde 2020, cando a electricidade de fontes renovábeis superou o consumo interno en 26%.

Emisións

Galiza reduciu a súa emisións en gases de efecto invernadoiro (GEI) en relación a 1990 en 33%. Segundo os últimos datos achegados, referidos a 2022, é a segunda comunidade autónoma onde máis baixaron as emisións nese período, marcando unha diferenza de 30,5 puntos porcentuais en referencia coa media do Estado, que só logrou unha caída do GEI de 2,5%. A nota negativa neste ámbito achégaa o sector do transporte, que incrementou as súas emisións en 62,7%, como consecuencia da lentitude coa que o Estado está a acometer a electrificación da economía.

Os datos da Galiza contrastan cos daqueles territorios do Estado máis desenvolvidos. Así, por exemplo, Madrid consumiu entre xaneiro e maio de 2024 até 11.354.036 MWh de electricidade, da que só 4% foi xerada no seu territorio, representando a de orixe renovábel 2,2% do total. Nunha liña análoga, Euskadi consumiu no primeiro cuadrimestre do ano 6.581.830 MWh de electricidade, do que 28,1% foi producida dentro do seu territorio, procedendo 5,7% de fontes renovábeis.

A produción eléctrica renovábel non está creando vantaxes competitivas naqueles territorios do Estado que destacan pola súa elevada xeración, pola contra converte estas áreas en zonas de sacrificios, ao obrigalas a asumir a totalidade dos custos da transición enerxética sen achegarlles beneficios algún.

Galiza acumula máis da metade do litoral reservado para a eólica

Os  Plans de ordenación dos espazos marítimos(POEM) aprobado polo Goberno do Estado en febreiro de 2023 delimita cinco áreas na Galiza para a xeración de electricidade de orixe mariña. A primeira destas zonas, denominada na planificación do Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco), NOR-1, ocupa unha extensión de 117,6 km2 e localízase a 22,3 km de Vigo e do Baixo Miño, un caladoiro onde traballan embarcacións de toda Galiza, significándose artes como o cerco, artes menores e arrastre.

A designada zona NOR-2 suma 1.806,4 km2 e é a área de reserva para a eólica mariña máis extensa do conxunto do Estado. Neste caso, emprázase fronte as costas de Ortegal, Ferrolterra e a comarca da Coruña, localizándose a 48 km da Coruña,  a 41 da praia de Doniños en Ferrol e  a menos de 30 de Cariño e Cedeira. A área NOR-3 ocupa unha extensión de 112,9 km2  fronte á costa Ártabra e de Ortegal e atópase a 23 km do cabo do mesmo nome.

A zona NOR-4, lindante co NOR-3, localízase fronte á zona de costa situada entre a ría de Ortigueira e a ría do Barqueiro, na comarca de Ortegal, e ocupa unha extensión de até 77,7 km2. Neste caso, a zona localízase a 22 km do cabo da Estaca de Bares, no concello de Mañón, que é unha das zonas de pesca máis importantes da Galiza.A zona NOR-5 sitúase na súa totalidade diante á costa da comarca da Mariña. A mesma, ocupa unha superficie de 236,2 km2, atopándose a unha distancia de 24 km do porto de Burela e de 32 km da ría de Foz