O goberno español só gastou o 19% das axudas a desempregados de longa duración

Dos 850 millóns de euros orzamentados para o Programa de activación de emprego (PAE) dirixido a este colectivo só executou 160.

O PAE, Programa de activación para o emprego, é un proxecto polo cal aquelas persoas paradas de longa duración e con familia ao cargo reciben unha axuda económica (426 euros) que permita os beneficiarios non ficar sen ningún tipo de ingreso mentres procuran traballo. Unhas 100.000 perceberon esta axuda en 2015. Mais desde CCOO e UGT denuncian que dos 850 millóns de euros só se executaron 160 millóns, o que supón un 19%. E os 690 millóns de euros restantes? Pois “descoñécese o seu destino”, segundo afirman fontes sindicais consultadas pola axencia EFE. Ademáis, a isto hai que engadir 350 millóns de euros que estaban previstos usar entre o 1 e o 15 de abril.

Tanto Comisións Obreiras como a UXT remitiron unha carta ao Ministerio de Emprego pedindo que se lles explique o destino destes, en total, máis de mil millóns de euros. Os sindicatos temen que o goberno español apostase en “aforrar” a costa das persoas en situación de emprego de longa duración. Unha decisión, a de non gastar eses cartos, que se tomaría polo executivo para non sobrepasar aínda máis o défice.

O PAE beneficiou só 100.000 persoas, afirman as centrais, mais as beneficiarias potenciais deberían se multiplicar por catro. Cómpre lembrar que dos máis de catro de millóns de persoas rexistradas no desemprego en todo o Estado, por volta do 43% son de longa duración.