O Goberno estatal amplía as axudas do Kit Dixital: consulta aquí como te podes beneficiar

Jesús Torrado e Pedro Branco, durante a visita (Foto: Delegación do Goberno español na Galiza).
No caso das empresas e profesionais por conta propia que xa tivesen concedida unha axuda de 2.000 euros, poderán ampliala en 1.000 euros a través dun botón específico que se habilitará no seu expediente. A concesión será automática e o formulario estará dispoñíbel o próximo mes de xuño.

O delegado do Goberno na Galiza, Pedro Branco, informou de que o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través do organismo Red.es, baixo a dirección xeral de Jesús Herrero Poza, vén de ampliar os potenciais beneficiarios do programa Kit Dixital ás empresas que teñan entre 50 e até 250 persoas empregadas, que no caso galego superan o medio millar. O delegado animou a todas elas a solicitar estas axudas, que xa mobilizaron máis de 107 millóns de euros na Galiza a través de 25.800 bonos.

Branco fixo esta invitación durante a visita á sede da empresa Bricosyl no polígono compostelán de Costa Vella. Trátase dunha das beneficiarias do Kit Dixital, unha axuda que permitiu a esta empresa mellorar os seus procesos internos de xestión e de ventas e crear unha plataforma de comercio en liña.

Na mesma, na que estivo acompañado polo xerente da empresa, Jesús Torrado, e a adxunta á dirección, Yolanda Torrado, o delegado deu conta das novidades do programa. Así, ademais de informar da creación de dous novos tramos (para empresas de 50 a menos de 100 empregados e para as de entre 100 e 250 empregados), con axudas de até 25.000 e 29.000 euros que se poderán solicitar no último trimestre do ano, apuntou que as empresas de menos de tres empregados e empregadas, as do terceiro tramo, verán incrementado o importe da axuda até os 3.000 euros.

Pedro Branco e Jesús Torrado, durante a visita (Foto: Delegación do Goberno español na Galiza).

A este respecto, apuntou que, no caso das que xa tivesen concedida a axuda de 2.000 euros, poderán ampliala neses 1.000 euros a través dun botón específico que se habilitará no seu expediente. A concesión será automática e o formulario estará dispoñíbel o próximo mes de xuño.

Ademais, dentro deste segmento créase a solución "posto de traballo seguro", cunha contía máxima subvencionábel de 1.000 euros para financiar a compra de ordenadores portátiles ou de sobremesa cunha serie de requirimentos que garantan a seguridade e privacidade dos datos almacenados no mesmo.

O Kit Dixital é unha iniciativa de Red.es, entidade adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. A actividade da entidade baixo da dirección xeral de Herrero Poza enmárcase na Axenda Dixital 2026 e no Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025. Está financiada con cargo ao Plan de Recuperación do Goberno español, que xa mobilizou na Galiza máis de 3.800 millóns de euros e chegou a 39.000 entidades. O 77% dos beneficiarios e beneficiarias son traballadores e traballadoras por conta propia (colectivo de autónomos), microempresas e pemes (43%); grandes empresas (20%) e Unións Temporais de Empresas (14%).

O delegado destacou que, con estas novidades, "reforzamos o compromiso do Goberno coas nosas empresas, especialmente coas máis pequenas, que son clave no noso ecosistema empresarial, axudándoas a medrar e acompañándoas na súa transformación dixital".