O Goberno estatal outorgará 408 MW para renovábeis e almacenamento no concurso de 'transición xusta' de Cerceda

A icónica cheminea de Meirama no momento de ser derruída. (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Entre os criterios para a adxudicación deste concurso, ademais de priorizar aqueles proxectos que minimicen a afección ambiental, investindo en actuacións de economía circular ou de mellora da biodiversidade, valoraranse os beneficios socioeconómicos para o territorio.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, por medio do Instituto para a Transición Xusta, vén de lanzar os concursos de transición xusta de Meirama, no municipio galego de Cerceda (comarca de Ordes) e os asturianos de Narcea e La Pereda, que permitirán outorgar un total de 829 megawatts (MW) de capacidade para novas instalacións de xeración renovábel e de almacenamento nestas zonas vinculadas ao feche de centrais térmicas de carbón. En concreto, estes concursos priorizarán os proxectos que minimicen a afección ambiental e maximicen os beneficios socioeconómicos locais para mitigar o impacto do feche das centrais, precisan desde o gabinete dirixido por Teresa Ribera.

Na Galiza iníciase a fase de información pública das bases reguladoras do concurso do nó de transición xusta de Meirama 220 kV, vinculado ao feche da central de Cerceda. O concurso ofrecerá 408 MW de capacidade de acceso a instalacións nos cinco municipios incluídos no Convenio de Transición Xusta de Meirama: Carral, Cerceda, A Laracha, Ordes e Tordoia.

En Asturias iniciouse a fase de información pública da proposta de bases reguladoras do concurso do nó de transición xusta de Narcea 400 kV, vinculado ao feche da central térmica homónima. Permitirá outorgar os 362 MW de capacidade dispoñíbel no nó e a súa rede de distribución subxacente a instalacións situadas nos seis municipios da zona do Convenio de Transición Xusta do Suroccidente Asturiano: Allande, Cangas del Narcea, Degaña, Ibias, Salas y Tineo.

Tamén en Asturias iniciouse a fase de información pública das bases reguladoras do concurso do nó de transición xusta de La Pereda 220 kV, relacionado co proceso de transformación e feche das instalacións de residuos de carbón da central de Mieres. Este concurso ofrecerá 59 MW de capacidade a instalacións nos municipios da zona do Convenio de Transición Xusta do Valle do Caudal: Aller, Lena, Mieres, Morcín, Ribera de Arriba e Riosa.

Beneficios socioeconómicos para o territorio

Segundo sinalaron desde o Ministerio, entre os criterios para a adxudicación destes concursos, ademais de priorizar aqueles proxectos que minimicen a afección ambiental, investindo en actuacións de economía circular ou de mellora da biodiversidade, valoraranse os beneficios socioeconómicos para o territorio.

Entre estes beneficios figuran o fomento do emprego, especialmente para traballadores excedentes das centrais e mulleres; o apoio a proxectos industriais, agrarios ou sociais locais; a formación para residentes na zona; o desenvolvemento de autoconsumo, e mais os investimentos na cadea de valor provincial ou a participación de investidores locais.

Os concursos de transición xusta súmanse a outros instrumentos de apoio xa despregados para as zonas, como axudas a proxectos empresariais xeradores de emprego, a pequenos proxectos de investimento e a proxectos municipais e de infraestruturas. Estes concursos en Asturias e Galiza forman parte dunha nova vaga de concursos en nós de transición xusta, tras a experiencia previa do nó Mudéjar 400 kV (Teruel), onde a instalación de renovábeis está a ser acompañada de múltiples proxectos industriais, agroalimentarios e do sector servizos, cunha creación de emprego superior ao afectado polo feche da central térmica de carbón.

Tamén o pasado abril aprobouse o procedemento para conceder o acceso a instalacións de xeración ou almacenamento síncronos nos nós de transición xusta de Garoña 220 kV (Burgos), Gardo 220 kV (Palencia), Lada 400 kV (Asturias), Mudéjar 400 kV (Teruel) e Robla 400 kV (León).

Igualmente, en abril incluíuse a construción da subestación de Maciñeira 400 kV, que se concursará como nó de transición xusta na zona do Convenio de Transición Xusta das Pontes (A Coruña), nas Modificacións Puntuais da Planificación 2021-2026.