O goberno español vaticina o fechamento de 5.000 explotacións de leite nos próximos 5 anos

Explotación leiteira

Na actualidade hai perto de 16.000, das cales 9.000 son galegas.

O goberno español agoira que nos vindeiros 5 anos botarán o fecho por volta de 5.000 das 16.000 granxas de leite existentes no Estado, o que supón que desaparecerán unha de cada tres das que hai na actualidade. Desas 16.000 explotacións leiteiras, algo máis de 9.000 están en Galiza.

Fernando Miranda, director xeral no Ministerio de Agricultura, sinalou na Cadena SER que ”no transcurso de cinco ou seis anos podemos situarnos nas 10.000 explotacións. 10 ou 12.000, que sería o razoábel”. “A rendabilidade exixe un tamaño mínimo, e ese tamaño mínimo é o que van procurando os gandeiros", conclúe.

En novembro do 2013 o prezo medio ao que se lle pagaba en Galiza un litro de leite ao gandeiro era de 39 céntimos. Dous anos despois, en novembro de 2015, era de 28,7 céntimos, unha queda do 26,4%, a máis grande de entre todos os territorios do Estado español. Nos once primeiros meses do 2015 fecharon no conxunto do Estado español 600 explotacións gandeiras. Delas, 475 en Galiza, o que supón o 70% do total e o 5% das que había no noso país.