As tres grandes eléctricas gañan máis de 7.100 millóns en tempos de pobreza enerxética

Ibex35

Endesa, Iberdrola e Gas Natural-Fenosa obtiveron uns beneficios netos de 7.125,5 millóns de euros, unha cifra que coinciden coas dificultades que pasan moitos dos seus usuarios.  

 

As tres grandes eléctricas con actividade no Estado español -Endesa, Iberdrola e Gas Natural Fenosa- obtiveron uns beneficios netos de 7.125,5 millóns de euros en 2014, o que supón un 20,8% máis que os 5.896 millóns de euros gañados en 2013, no exercicio que marcan como a fin das medidas aprobadas polo Goberno e que afirman que lastraron as súas contas nos últimos anos, a pesar das espectaculares cifras de negocio e beneficios que obteñen. 

Así, as eléctricas coincidiron en que en 2015 producirase un repuntamento no prezo da electricidade, malia a decisión do Executivo de conxelar as peaxes para o exercicio. Neste sentido, Iberdrola considerou que o prezo da electricidade no mercado maiorista podería situarse en torno aos 58 euros por megavatio hora (MWh) de media en 2015, cifra superior á media de 42,06 euros en 2014 da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) segundo os seus informes. 

Con todo, ao mesmo tempo tanto no Estado como en Galiza crece o fenómeno da pobreza enerxética, que afecta a miles de persoas que non poden usar a calefacción, por exemplo, ao non dispoñer de cartos para pagala.