Greenfiber ficha Méndez Gómez, o cargo de CCOO que máis defendeu o seu proxecto, como responsábel de Relacións Institucionais

O responsábel de Relacións Institucionais de Greenfiber, Francisco Méndez Gómez, anteriormente cargo de Comisións Obreiras. (Foto: Nós Diario)
Quen fora responsábel de Estratexias Industriais da sección de Industria de Comisións Obreiras (CCOO) e secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sustentabilidade na Executiva do sindicato, pasa neste momento a ser o responsábel de Relacións Institucionais de Greenfiber. 

Greenfiber, a sociedade xurdida a partir da colaboración entre Altri e Greenalia para impulsar a través do proxecto Gama unha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa), pasou a contar con Francisco Méndez Gómez no seu organigrama.

Desta maneira, quen fora responsábel de Estratexias Industriais da sección de Industria de Comisións Obreiras (CCOO) e secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sustentabilidade na Executiva do sindicato, pasa neste momento a ser o responsábel de Relacións Institucionais de Greenfiber. 

Así o certifica a súa presenza os pasados 13 e 25 de xuño no Foro La Región, organizado polo xornal homónimo, en dúas xornadas nas que acudiu xa como representante de Greenfiber. 

Nós Diario comunicouse coa empresa para preguntar sobre os motivos que a levaron a contar con Méndez Gómez no seu organigrama, mais a compañía trasladou que emitiría unha resposta a próxima semana. 

Anteriormente, desde CCOO, Méndez Gómez foi un dos principais valedores do apoio da federación de Industria deste sindicato ao proxecto de fabricación de celulosa que quere desenvolver Greenfiber na comarca da Ulloa. Así, o pasado 25 de marzo, a federación da central sindical tomaba postura a favor dos plans desta sociedade. 

Neste sentido, pedía "cordura e diálogo" sobre unha factoría que provocaba (e segue provocando) unha vaga de protestas veciñais, cualificadas por parte da federación de CCOO como "insultos, empuxóns, bloqueos aos intentos de informar a técnicos de prestixio e descualificacións".

Porén, unha semana despois, a Comisión Executiva de CCOO convocaba para o 11 de abril o Comité de Dirección Nacional "co obxecto de planificar a postura e a folla de ruta da organización en relación co proxecto industrial estratéxico de Altri". Na altura, fontes de CCOO confirmaban a Nós Diario que no sindicato existían diverxencias.

Un día despois do Comité de Dirección Nacional, o sindicato mostraba a súa "preocupación" pola xestión con respecto ao proxecto de Greenfiber, ao xerar "máis dúbidas que certezas". "Nestes momentos non existe a suficiente información para un apoio á planta que garanta o equilibrio necesario", concluía.

Nós Diario intentou sen éxito contactar coa federación de Industria de CCOO na Galiza para coñecer a súa opinión sobre a recente entrada de Méndez Gómez no organigrama de Greenfiber.

Opinións a prol da fábrica

O apoio de Francisco Méndez Gómez ao proxecto de Greenfiber durante os últimos meses foi público e notorio. Por exemplo, o pasado 27 de marzo, asinaba, presentándose como cargo da federación de Industria CCOO, unha columna de opinión no xornal La Voz de Galicia titulada "Altri: hablemos de autoodio y de la 'Galiza' inventada".

Na columna, Méndez Gómez defendía o de Greenfiber como un "proxecto industrial con futuro, ecolóxico e innovador" e ademais acusaba os detractores desta fábrica de celulosa de "pretender arrastrarnos cara a unha Galiza inexistente e imposíbel". 

Non é a única intervención que tivo na prensa a prol da factoría, entre outras, analizou para El Progreso as supostas bondades do proxecto Gama o 21 de abril.

Un firme defensor da patronal eólica ante as sentenzas do TSXG

O responsábel de Relacións Institucionais de Greenfiber, Francisco Méndez Gómez, non só foi ao longo dos últimos meses un firme defensor do proxecto Gama, senón tamén da patronal eólica ante as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que implicaron a paralización de decenas de parques eólicos por motivos ambientais.

Aínda exercendo como responsábel de Estratexias Industriais da sección de Industria de CCOO na Galiza, asinou o 14 de xullo de 2023 un comunicado que afirmaba que "ditas resolucións ameazan o desenvolvemento industrial, a creación de emprego e a seguridade xurídica de calquera proxecto económico coa necesidade de declaración de impacto ambiental e que caia no punto de mira de determinadas asociacións de dubidoso interese medioambiental".