O impacto socioeconómico de Iberdrola na Comunidade de Madrid é de 5.000 millóns de euros; na Galiza, só de 411 millóns

A torre de Iberdrola, en Bilbo, é a sede da multinacional enerxética. (Foto: Ricardo Suárez)
A Comunidade de Madrid obtén o maior beneficio desta multinacional eléctrica, sen producir enerxía.

Iberdrola dispón na Galiza, segundo o último informe da compañía ao respecto, dunha potencia de 2.217 megawatts (MW), dos que 2.208 son de fonte renovábel (1.582 MW de fonte hidráulica e 626 MW de eólica terrestre). Por outra parte, segundo o mesmo documento, o impacto socioeconómico da eléctrica na Galiza alcanzou os 411 millóns de euros o pasado 2023, incluíndo os investimentos, os salarios, a contribución fiscal e os pagos a provedores. Concretamente, a eléctrica afirma que realizou compras e contratacións de servizos a 241 provedores galegos por 183 millóns de euros durante o pasado ano.

O dato podería parecer avultado en termos absolutos, mais mirándoo en perspectiva, de forma comparativa, talvez non tanto. Por exemplo, na Comunidade de Madrid, o impacto socioeconómico da eléctrica rozou os 5.000 millóns de euros en 2023. Neste sentido, o pasado ano, Iberdrola realizou compras e contratacións de servizos a máis de 1.200 empresas madrileñas por máis de 4.000 millóns de euros. Desta maneira, a de Madrid é a autonomía do Estado español onde Iberdrola ten maior impacto económico, a pesar de non ter un só megawatt instalado no seu territorio.

Euskadi supón un caso bastante semellante ao de Madrid. No territorio vasco, Iberdrola tan só ten instalados 279 megawatts de potencia de xeración eléctrica, mais con todo, a empresa deixa na terra onde ten a sede (a sede de Iberdrola está en Bilbo) un impacto socioeconómico de 3.500 millóns de euros anuais, o que supón un 3,7% do PIB vasco.

A diferenza é moi grande tamén en canto ao emprego, pois mentres que Iberdrola ten máis de 30.000 traballadores e traballadoras en Euskadi, na Galiza tan só conta cun total de 217.

Diferenzas autonómicas

A Galiza é a cuarta autonomía do Estado español onde Iberdrola ten máis potencia instalada para a xeración de enerxía eléctrica. Por contra, é a décima comunidade onde maior impacto socioeconómico ten esta empresa.

Un dos exemplos paradigmáticos destas diferenzas autonómicas é o de Asturias. Na comunidade lindeira coa Galiza,  Iberdrola tan só ten seis instalacións cunha potencia instalada de 203 MW (na Galiza 2.217). A pesar deste dato, e de que a amplitude do territorio asturiano é moito menor que a do galego, o impacto socioeconómico da empresa en Asturias é de 500 millóns de euros (411 na Galiza).

Moita xeración eléctrica e moi poucos beneficios

Iberdrola aproveita na Galiza especialmente os ríos, pois ten 2.208 MW de potencia hidroeléctrica instalada. Isto supón que máis de un de cada cinco dos megawatts deste tipo da empresa no conxunto do Estado español están nas 21 centrais que a multinacional enerxética posúe na Galiza.

Tampouco é menor a potencia eólica instalada por Iberdrola a nivel galego, pois os 626 MW nas 18 instalacións deste tipo que a empresa ten na Galiza supoñen un de cada dez megawatts que a enerxética produce a partir do aire no conxunto do Estado. Comparativamente, moita xeración e moi poucos beneficios.