As importacións de gas natural desde Rusia ao Estado español alcanzan niveis récord en maio

Barco para transporte de gas metano. (Foto: Europa Press)

Caen as importacións procedentes dos Estados Unidos de América, que se dirixen agora cara Arxentina.

As importacións de gas natural ao Estado español procedente de Rusia disparáronse o pasado mes de maio a niveis récord, alcanzando os 9.663 xigavatios hora (GWh), erixíndose así no segundo principal subministrador no mes, moi perto de Arxelia.

En concreto, o gas natural procedente de Rusia, todo por barco metaneiro como gas natural licuado (GNL), case triplicou a súa cifra en maio con respecto ao mesmo mes do ano pasado, cando ascendeu a 3.289 GWh, segundo datos do último boletín de Enagás.

Desta maneira, en maio confírmase a tendencia á alza dos últimos meses nas compras de gas natural a Rusia, aínda que alcanza uns niveis máximos desde que a finais de febreiro de 2022 estalou a guerra en Ucraína.

Con esas importacións de 9.662 GWh en maio, o gas natural de orixe rusa cubriu 27,8% da demanda total no mes do Estado español, tan só por detrás de Arxelia, que con 9.824 GWh, volveu ser o principal subministrador, con 28,3% do total.

O gas natural ruso, sen veto

Ben é certo que en maio a tendencia á alza das importacións de gas natural de Rusia deuse en toda Europa. E é que o gas natural ruso non está incluído dentro dos vetos adoptados pola UE contra o Estado ruso.

No caso concreto do Estado español, a maioría do gas natural que chega de Rusia procede de contratos a longo prazo con Yamal LNG, un consorcio liderado pola empresa privada rusa Novatek e en cuxo accionariado hai capital europeo e doutros países.

Non obstante, desde hai meses a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, vén apelando ás enerxéticas españolas a que diversifiquen as fontes de subministro de GNL e prescindan do procedente de Rusia. Ribera chegou a trasladar esta suxestión nunha misiva remitida ás compañías enerxéticas e principais comercializadoras españolas de gas natural.

Afundimento do gas procedente dos EUA

Destacou tamén no mes o afundimento sufrido polo gas natural procedente dos Estados Unidos de América (EUA) –que o ano pasado chegou a protagonizar un ‘sorpasso’ histórico erixíndose no principal subministrador do Estado español no medio da crise provocada após a guerra en Ucraína, por diante de Arxelia–, que caeu até os 1.964 GWh, case 85% menos que os 13.083 GWh de maio do ano pasado.

Neste caso, gran parte do gas natural procedente dos EUA tomou dirección Arxentina, que incrementaron no mes de maio o aprovisionamento procedente dos Estados, impulsado polo inverno austral.

No acumulado do ano, Arxelia confírmase tamén como o principal subministrador de gas natural do Estado español, con 44.015 GWh; por diante dos EUA, con 36.055 GWh. Ambos os Estados suman 45% das importacións totais (25% e 20,4%, respectivamente).

Por detrás, Rusia, con 33.472 GWh (19% do total) e Nixeria, que alcanza nestes primeiros cinco meses do ano os 27.297 GWh (15,5%).