O empresariado galego é máis pesimista que o do conxunto do Estado en 2022

Imaxe de arquivo dun local que anuncia liquidación do 'stock' por fechamento (Foto: Europa Press).
O índice de confianza empresarial harmonizado cae na Galiza máis que no resto do Estado no primeiro trimestre do presente ano.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou na mañá desta cuarta feira os datos actualizados do índice de confianza empresarial harmonizado (ICEH), que recolle a opinión do empresariado a respecto da situación actual e futura da actividade de cadanseu negocio, coa fin de anticipar a evolución da economía. Calcúlase tomando como base o índice do primeiro trimestre de 2013.

Na Galiza, o ICEH cae 2,9 puntos no inicio de 2022 en comparanza co último trimestre do pasado ano, un descenso máis agudo que o do conxunto do Estado (-2,5).

Deste modo, a Galiza é o noveno territorio no que máis mingua a confianza empresarial neste primeiro trimestre do ano. Asturies (-9,7), Balears (-6,6) e Nafarroa (-5,6) rexistran as maiores baixadas. Pola contra, este indicador só medra en Aragón (+2,1) e Madrid (+3,1).

Mais, tomando como referencia o dato do primeiro trimestre de 2021, a confianza empresarial rexistra na Galiza 13,7 puntos menos.

Opinións de cara a 2022

A confianza empresarial encadeaba na Galiza cinco trimestres consecutivos á alza; porén, a explosión de contaxios da Covid-19 por mor da variante Ómicron e as evidentes consecuencias sobre a economía provocan agora un descenso.

O balance de expectativas de cara ao primeiro trimestre de 2022 —diferenza entre as opinións optimistas e as pesimistas— fica en -17,7 puntos, mentres no Estado español é de -12,8.

A Galiza é o territorio con menos previsións favorábeis para este período: só 8,4% do empresariado enquisado. Séguea Asturies, con 10,4% de opinións optimistas. A media estatal é de 14,7%. Outro 65,5% ten previsións "normais" no país, e 26,1% pensa que o trimestre en curso será "desfavorábel" para o desenvolvemento económico.