A inmobiliaria de Amancio Ortega deitou un beneficio neto en 2013 de 93,3 millóns de euros

Entre outros activos, Pontegadea Inmobiliaria é propietaria de locais que ten alugados a Inditex, a compañía da que Amancio Ortega é o maior accionista, co 59,2% dos títulos.

2013 foi un ano excelente para Amancio Ortega, a terceira fortuna do planeta, tamén en termos dos seus beneficios no sector inmobiliario. 

A súa firma -Pontegadea Inmobiliaria, da que é proprietario ao 100%- obtivo en 2013 un beneficio neto de 93,3 millóns de euros, segundo recolle esta quinta feira o diario El País, rotativo que utiliza como fonte as contas entregadas pola empresa ao Rexisto Mercantil.

Pontegadea Inmobiliaria ingresou en 2013 98,5 millóns de euros en conceito de alugueres das súas propriedades.

Os activos da empresa ascenden neste momento a 4.519 millóns de euros, en tanto que a súa débeda cos bancos se sitúa en 325,1 millóns (73,8 menos que o pasado exercicio).