Análise

Intervencionismo

Os voceiros mediáticos da dereita española pretenden transmitir que as axudas do Goberno supoñen un uso perverso de caudais públicos. (Ilustración: Álex Rozados)
O economista e escritor Marcelino Fernández Mallo analiza para 'Nós Diario' as políticas intervencionistas.

Intensifícase a ofensiva da dereita no seu intento de derrubar o Executivo español e acelerar a recuperación do poder. Na súa agresiva dialéctica, falan de goberno autoritario e golpe de Estado. Hai tempo que na política, as palabras perderon o seu sentido orixinal. Calquera hipérbole ou manipulación son admitidas para tentar xustificar o inxustificable.

Na campaña da dereita, a economía perdeu a posición de privilexio que normalmente ocupa na discusión política. Seica os últimos datos de conxuntura favorables á xestión do Executivo español expliquen a falta de presenza no discurso da oposición ultimamente. Isto non quere dicir que desaproveiten a ocasión cando se presente. Así, por exemplo, resulta doado ler parágrafos coma os seguintes —publicados nun dos xornais máis ecuánimes entre os que conforman a oferta xornalística española— que levan ata o extremo a lóxica liberal:

“El presidente del Gobierno, Pedro Sánchez, ha anunciado un nuevo paquete de ayudas que incorpora un mecanismo para contener los precios de los alimentos. Podemos quiere que se regale a 8 millones de personas de la clase media trabajadora un cheque de entre 250 y 500 euros para compensarles de la subida de la inflación.

No es un caso aislado. Se trata de prorrogar el decreto anticrisis que expira el 31 de diciembre y, tal como ha explicado la vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, tendrá medidas para contener la subida de las hipotecas y de los alquileres. Medidas que se sumarán a las subvenciones para aligerar la subida de precios de las gasolinas, del gas y un sinfín de subvenciones que poco a poco van sustituyendo a los mecanismos de la oferta y la demanda... el intervencionismo está alcanzando tales niveles que muy probablemente se va a volver contra los países que lo practican. Argentina, Venezuela o Cuba son un claro ejemplo de ello”.

Este tipo de argumentos, comúns nos xornais afíns aos postulados da dereita española, poñen de manifesto ás bravas o espazo de diverxencia entre as posicións neoliberal e socialdemócrata. Se acudimos ás definicións académicas, a socialdemocracia sería esa forma de goberno que promove a intervención do Estado mediante unha política económica a prol da xustiza social dentro dunha economía mixta de mercado; algo así. Pola outra banda, o neoliberalismo propugna a primacía absoluta dos mecanismos do mercado no exercicio económico, a desregulación como pauta de actuación e a limitación das funcións do Estado.

Na campaña da dereita, a economía perdeu a posición de privilexio que normalmente ocupa na discusión política

Así pois, en termos xerais, un socialdemócrata tenderá a aumentar os ingresos públicos para dotar as súas políticas de sanidade, ensino, benestar e xustiza social. Un neoliberal tenderá a reducir o gasto público para empequenecer a estrutura do Estado (incluídas as administracións periféricas, obviamente) e aumentar xa que logo o peso do sector privado.

Nesta dicotomía, débese esperar dun goberno de corte socialdemócrata que aproveite o aumento dos ingresos públicos para reforzar as políticas de protección social. Pola outra banda, a ninguén debería estrañar tampouco que un goberno de tendencia neoliberal promova a redución de impostos ás clases de maior renda. O efecto neto sobre as contas públicas dunha subvención ás clases modestas é equiparable a unha redución de impostos ás clases de elevados ingresos. Alguén tentado en buscar un punto de intersección podería preguntarse: que pasa se rebaixamos impostos ás clases máis modestas? O seu impacto real sería reducido xa que, polas súas escuálidas rendas, os contribuíntes de menores ingresos pagan poucos, ou mesmo cero, impostos directos.

O berro neoliberal contra o intervencionismo representa unha monumental contradición da realidade. O país supostamente máis liberal do planeta, Estados Unidos, supón un exemplo rotundo de intervencionismo. O New Deal de Roosevelt foi un vasto e multisectorial programa de axuda pública dirixido a sacar o país da Gran Depresión. Para responder á crise financeira de 2008, o Congreso USA aprobou o Troubled Asset Relief Program dotado con 426 mil millóns de dólares, que foron parar principalmente a bancos e grandes corporacións.

Co fin de atender as necesidades dos segmentos afectados pola Covid, o propio Donald Trump asinou a Coronavirus Aid, Relief, and Economic Security Act, un plan ao que se asignaron dous billóns de dólares (billóns con “b”, correcto), ao cal sucedeu o American Rescue Plan de Joe Biden de 1,9 billóns máis. En Europa, o maior caso de subvención económica dun goberno ás súas empresas e cidadáns localízase en Alemaña, cuxo “escudo protector” contra a crise enerxética prevé mobilizar 200 mil millóns de euros públicos.

Os voceiros mediáticos da dereita española ignoran as evidencias. Pretenden transmitir que as axudas á poboación do goberno español supoñen un exemplo insólito de uso perverso de caudais públicos. No fondo subxace unha dobre intención:  desgastar a imaxe do goberno de Sánchez e facer prevalecer a ideoloxía neoliberal contraria á redución das desigualdades sociais.