O investimento estranxeiro en Galiza multiplica por sete o PIB galego

Son máis de 382 mil millóns de euros. Países Baixos, Italia e Luxemburgo - primeiro e terceiro con inequívoca vocación financeira- lideran a listaxe de principais investidores no noso país. Subministro de enerxías e gas, fabricación de produtos non metálicos e materias primas son os tres sectores de Galiza a onde máis acode o capital estranxeiro.

 

Galiza ten activos investidos no estranxeiro por valor de 13.600 millóns de euros, unha cifra que ruboriza de a compararmos cos activos de titularidade estranxeira rexistrados en Galiza: 382.350 millóns de euros. Vinte e oito veces máis. Estes datos, correspondentes a 2014, debúllaos o economista Joam Lopes Facal no estudo ‘Galiza na dinámica dos fluxos externos de capital’, que vén de publicar neste mes de maio o Foro galego de economía.

“Da importancia do investimento estranxeiro domiciliado en Galiza dá boa idea que multiplique por sete o PIB” galego, aponta Lópes Facal. Os sectores máis favorecidos por este fluxo de capital estranxeiro son, en primeiro lugar, o subministro de enerxía e gas, onde se centran o 15,6% destes investimentos. A seguir figura a fabricación de produtos non metálicos (8,3%) e o comercio polo groso de materias primas, desde agrarias a pesqueiras pasando por minerais metálicos. Este grupo concentra o 6,6% deses activos estranxeiros. A diferenza do sur e mediterráneo peninsular, Galiza “non resulta atractiva para o capital afluente ao negocio inmobiliario”, pois este sector non aparece na listaxe.

Se optamos por pousar a mirada sobre cales son os países de procedencia dese capital externo que se inviste en Galiza, o primeiro posto vai para os Países Baixos, que con case 95.000 millóns de euros representan o 28,7% dese investimento foráneo. Un territorio de inequívoca vocación financeira, como explica Facal, algo que partilla co país que figura no terceiro posto en canto a cartos investidos no noso país. En segundo lugar, Italia. O posto dos cinco primeiros complétase con Francia e Alemaña. Entre este selecto club dos cinco representan o 69% do investimento estranxeiro en Galiza.

Falabamos ao comezo que Galiza acumulaba activos no estranxeiro por un valor cercano aos 14.000 millóns de euros. Estados Unidos lidera a táboa de países onde vai o capital de titularidade galega. Uns 2.950 millóns de euros, o que representa o 21,6% deses 14.000 millóns. A seguir figuran Reino Unido (6,9%), Luxemburgo (6,1%) e os países Baixos (5,9%).