A defensa dos servizos e empregos públicos mobiliza millares de galeg@s

As cidades da Galiza foron escenario dunha nova mobilización masiva en defensa do emprego e os servizos públicos, convocada por dezaoito sindicatos e entidades representativas

Máis unha vez, ducias de miles de galeg@s volveron tomar as rúas do país, convocadas polos sindicatos, para manifestaren o seu rexeitamento aos recortes do goberno de Rajoy e defenderen os servizos e empregos públicos. A afluencia ás manifestacións foi multitudinaria. Só na Coruña, a organización cifrou a asistencia en torno a 15.000 persoas. En Compostela, a Praza das Praterías quedou pequena para acoller a maré de xente que participou na mobilización, que tivo o seu punto de partida da Praza Roxa. Unha estampa esta, a de millares de persoas na rúa, repetida no resto de cidades de Galiza, nun ambiente de reivindicación coral contra os recortes de Rajoy. A apelación a unha nova folga xeral foi outra das constantes.  

A escusa da crise

"A crise está a ser utilizada polos gobernos de Galiza e do Estado español, de xeito vergonzoso, como a escusa perfecta para substraer recursos dos servizos esenciais, xustamente cando, na situación actual, que castiga co paro e a exclusión social a miles de familias galegas, se debe apostar por reforzalos e así garantir as necesarias coberturas sociais, o obrigado amparo do estado e do goberno galego e a atención igualitaria e solidaria para toda a cidadanía". Este parágrafo do manifesto lido nas mobilizacións en defensa do emprego e os servizos públicos que veñen de percorrer as cidades galegas, co apoio de milleiros de persoas, é un novo exemplo do tesón da cidadanía da Galiza en defender o ben común.

Un total de dezaoito sindicatos e agrupacións profesionais chamaron a participar nas manifestacións que, máis unha vez, foron un éxito de convocatoria.

Un total de 18 sindicatos e agrupacións profesionais chamaron a participar nas manifestacións que, máis unha vez, foron un éxito de convocatoria.

Saqueo

"Furtáronnos o 45% do noso salario nos 15 últimos anos e restáronnos dereitos laborais e sociais. A parte das conxelacións salariais e depreciación dos nosos salarios, no ano 2010 tivemos unha baixa salarial media dun 5% , acadando nos grupos superiores até o 10%, e este ano 2012 dun 7,1%, supresión de días de libre disposición, penalización económica por enfermidade..." No manifesto fica claro o impacto das medidas do goberno nos e nas empregadas públicas, usadas como elemento principal (nun discurso demagóxico) para pagar a crise.

"Furtáronnos o 45% do noso salario nos 15 últimos anos e restáronnos dereitos laborais e sociais"

"Porque estes gobernos se senten impunes actuando como actúan, non podemos permitir que saian coa súa nin que utilicen a lei para impoñer os seus intereses. Debemos expresar o noso rexeitamento con contundencia porque, de non o facermos, sentiranse lexitimados para continuar gobernando de costas aos nosos dereitos como empregadas e empregados públicos e como cidadáns e cidadás, ás costas do noso pobo e contra os seus intereses".

Gallardón, cala xa !!

Do mesmo xeito, diversos colectivos feministas encabezaron no marco destas mobilizacións a protesta de centos de persoas contra as declaracións do ministro de xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, en que aseguraba, non só a repenalización do aborto, senón a involución lexislativa cara a tempos anteriores a 1985. O movemento feminista berrou, arroupado por centos de gorxas, alto e forte, nas manifestacións desta segunda: aborto libre e gratuíto!

 

 

 

Manifesto lido nas concentraciónsíntegro aquí