Jerome Powell despexa as dúbidas sobre as baixadas de tipos de xuro: "Chegou o momento"

O presidente da Fed, Jerome Powell. (Foto: Europa Press / Contacto / Rod Lamkey)
O economista xefe do BCE intervén este sábado no cumio de Jackson Hole

O presidente da Reserva Federal dos Estados Unidos (Fed), Jerome Powell, asegurou esta sexta feira que sente unha maior confianza sobre unha traxectoria "sostíbel" de moderación das taxas de inflación, polo que indicou que chegou o momento de axustar a política monetaria, anticipando así unha baixada dos tipos de xuro na reunión de setembro.

"Aumentou a miña confianza en que a inflación está nunha traxectoria sostíbel de regreso ao 2%", afirmou o presidente da Fed no seu esperado discurso en Jackson Hole (Wyoming, Estados Unidos), onde deixou claro que "chegou o momento de axustar a política [monetaria]".

Na súa intervención, destacou que, en xeral, a economía estadounidense segue crecendo a un ritmo sólido, mais os datos sobre inflación e mercado laboral mostran unha situación "en evolución", na que os riscos á alza para os prezos "diminuíron".

Neste sentido, Powell considera que, despois dunha pausa a principios de 2024, "renovouse o avance cara ao obxectivo do 2%", polo que a taxa de inflación está agora moito máis perto do obxectivo. "A dirección da viaxe é clara, e o momento e o ritmo dos recortes de taxas dependerán dos datos entrantes, a evolución das perspectivas e o equilibrio de riscos", apuntou.

De tal maneira, Powell asegurou que a Fed fará todo o posíbel para apoiar un mercado laboral forte a medida que a economía avanza cara á estabilidade de prezos e expresou a súa confianza en que "cunha redución adecuada da política [monetaria]" hai boas razóns para pensar que a economía volverá a unha inflación do 2% mentres se mantén un mercado laboral forte.

Así mesmo, defendeu que o nivel actual dos tipos de xuro, situados nun corredor do 5,25% ao 5,50% (nunha taxa do 4,25% na eurozona), ofrece ao banco central un "amplo marxe" para responder a calquera risco que poida enfrontar, incluído un maior enfraquecemento das condicións do mercado laboral.

Este sábado fala o BCE

Aínda que a Fed non toma decisións directas de política monetaria sobre a eurozona, o Banco Central Europeo (BCE) acostuma seguir, con lixeiras diverxencias, a senda estratéxica da política monetaria do organismo estadounidense. Polo tanto, as declaracións de Powell parecen indicar que comeza un ciclo de baixadas de tipos de xuro tanto nos EUA como na eurozona.

De todos os modos, este sábado quedará claro se a mensaxe dun novo ciclo de relaxamento da política monetaria é a mesma por parte do BCE, algo que se dá por descontado pola práctica totalidade dos e das analistas. Así, todas as olladas fican agora atentas ás palabras de Philip Lane, economista xefe do BCE, que intervirá este sábado na cimeira de Jackson Hole, na primeira declaración pública desde a institución desde a parada estival.

O Consello de Goberno do BCE ten previsto reunirse o próximo 12 de setembro. Neste sentido, segundo recollen as actas do encontro do pasado xullo que a autoridade monetaria da zona euro publicou esta quinta feira, "a reunión de setembro foi vista amplamente como un bo momento para reavaliar o nivel de restrición da política monetaria". A práctica totalidade das analistas vaticinan unha baixada de 0,25 puntos.

Un dos períodos máis duros en termos de política monetaria

Nun contexto de inflación máis controlada que nos EUA, o BCE decidiu o pasado xuño facer unha lixeira redución dos tipos de xuro do 4,5% ao 4,25%. Porén, un mes despois, volveu aliñarse coa estratexia da Fed e decidiu manter o custo do diñeiro. Agora, todo parece indicar que tanto unha institución como a outra comezarán un novo ciclo de política monetaria, aínda que sen aclarar canto e cando baixarán os tipos de xuro.

Este novo ciclo monetario que os mercados dan por sentado pon fin a un dos períodos máis duros da historia da política monetaria (cunha suba de 4,5 puntos en 26 meses), o cal comezou na eurozona en xullo de 2022 e derivou nunha suba desde unha taxa do 0% (que se mantiña desde marzo de 2016) até o nivel do 4,5% que se alcanzou o pasado 20 de setembro do ano 2023.