O lecer nocturno perdeu 200 locais na Galiza pola Covid
O sector do lecer nocturno galego cuantifica en máis de 300 millóns de euros as perdas que acumula xa polos feches derivados da Covid-19 e que, segundo destacan, levan aparellada a perda duns 200 estabelecementos en todo o país.
Así se desprende do Estudo de impacto do coronavirus no lecer nocturno e os espectáculos, realizado pola Asociación de empresas de lecer na Galiza (Galiza de Noite) xunto coa patronal España de Noite, onde se recolle que a facturación destes negocios caeu en picado, cun descenso cifrado en 1.018 millóns de euros no Estado español.
Tal e como advirten desde o sector neste estudo, "a súa capacidade de resistencia atópase ao límite", cun retroceso na facturación de máis de 84%. Ante esta "asfixiante situación", o sector estima que máis de 70% das pemes terminará desaparecendo se antes do verán "non se reabren os locais ou se inxecta un plan de axudas económicas directas".
Á vista destas cifras, desde o colectivo Galiza de Noite exixen ao Goberno estatal que "asuma o seu compromiso" e "inclúa no seu próximo paquete de medidas económicas un plan de rescate específico para o sector".
"Necesitamos salvar empresas e postos de traballo, porque desde o Goberno galego as axudas que chegan son insuficientes e desde Madrid non poden desentenderse e ceder toda a responsabilidade ás autonomías", critican.
Mobilizacións na Galiza
Coincidindo coa conmemoración do primeiro ano do fechamento dos primeiros locais e cando o recoller obrigatorio ten prohibida a actividade nocturna nas cidades españolas até 8 de maio, Galiza de Noite decidiu apoiar unha nova acción reivindicativa posta en marcha a nivel estatal e que, baixo o lema "Un ano fechados, Rescate xa!", pretende "exixir unha compensación económica urxente e denunciar os principais problemas provocados polas escasas axudas existentes".
No caso da Galiza, A Plataforma na de defensa da hostalaría galega convocou unha gran manifestación para este sábado, 13 de marzo, na Alameda de Compostela. A cita, á que tamén están chamadas as representantes das axencias de viaxes, o turismo, o sector primario e o comercio, entre outras, será ás 19 horas.