Jesús Lence (Leche Río) quer levar factorías para Madrid por se hai “outra greve salvaxe” en Galiza

Bloqueo da planta de Leite Río no Ceao (Lugo). [Foto: O. Rodil]

O empresario recoñece en 'El Progreso' que negocia unha nave na capital do Estado e carga contra os bloqueos dos gandeiros: “Foi a burrada máis grande”.

Jesús Lence, presidente de Leche Río, está a negociar unha nave de 30.000 metros cadrados en Madrid a onde trasladaría unha das factorías que actualmente posúe en Galiza. Segundo afirma nunha entrevista en 'El Progreso', con esta medida o polémico empresario procura estar protexido por “se hai outra greve salvaxe”, que é como califica as mobilizacións dos gandeiros de mediados de setembro. Ao ter esta planta en Madrid, evitaría eses “bloqueos” e achegaríase ás grandes áreas de consumo aforrando en custos de transporte. Tamén anuncia Lence que procura un socio comercializador para aumentar a produción.

Na entrevista que lle fai Arsenio Coto no xornal lucense, Lence critica os bloqueos de industrias que fixeron os gandeiros: “Foi a burrada máis grande que puido haber, para o gandeiro e para a industria”. Afirma que o 60% dos gandeiros galegos son “profesionais” e que eses non tomaron parte nas mobilizacións. Nos protestos “estaba o 30 ou 40% que produce dunha forma menos profesional”, asegurou.