Lence volve ameazar con levar para Madrid 'Leche Río'

Bloqueo da planta de Leite Río no Ceao (Lugo) nun protesto do sector. [Foto: O. Rodil]

Actualmente a planta de O Ceao II recolle a produción duns 400 gandeiros. Se non lle legalizan a facoría, di, trasladará a maquinaria á capital do Estado. En setembro dixo que marchaba para Madrid para evitar as greves dos gandeiros.

Jesús Lence avisa que se o Concello de Lugo non achega algunha solución á planta envasadora de leite do polígono lucense de O Ceao II despois de que o Supremo confirmase a orde de demolicón, levará a produción para Madrid. Lence afirma que o terreo é urbanizábel e a planta legalizábel. En caso de que teña que derrubar a planta, advirte, trasladará a maquinaria a Madrid e operará desde alí, o que afectaría a uns 400 gandeiros galegos.

O de marchar para Madrid non é unha novidade no argumentario de Jesús Lence. En setembro do ano pasado afirmaba que ía levar factorías para a capital do Estado para así evitar as “greves salvaxes” dos gandeiros. Naquela altura, o empresario afirmaba estara negociar unha nave de 30.000 metros cadrados en Madrid a onde trasladaría unha das factorías que actualmente posúe en Galiza. Segundo afirmaba nunha entrevista en 'El Progreso', con esta medida o polémico empresario procura estar protexido por “se hai outra greve salvaxe”, que é como califica as mobilizacións dos gandeiros de mediados de setembro. Ao ter esta planta en Madrid, evitaría eses “bloqueos” e achegaríase ás grandes áreas de consumo aforrando en custos de transporte. Tamén anuncia Lence que procura un socio comercializador para aumentar a produción.