“Levamos en tractorada desde que entramos na Comunidade Europea”
Segunda xornada de protesto en Compostela na defensa dun prezo xusto. “Estamos dispostos a todo”, confesan os gandeiros Suso e José Antonio, de Tordoia. “Defenden o seu...e o de todos”, agradécelles María, veciña de Compostela.
Primeira hora da mañá en Compostela. A circunvalación da capital -sempre ruidosa -en silencio, bloqueada por centos de tractores na Avenida de Lugo. Un grupo de gandeiros falan na beira-rúa sobre como se presenta o día. Ábrese un portal e sae unha señora, cafeteira e vasos de plástico en man: “A ver, a quen lle presta un cafeíño?”. Os produtores sorrín agradecidos. “Querédelo con leite ou xa estades cansos del?”, pregunta rexoubeira a compostelá. Risos sinceros dos gandeiros a pé de 'New Holland' e 'John Deere'. Amanece en Compostela e a cidade acorda solidaria cos protestos malia as perturbacións no tráfico. Os catro carrís da Avenida de Lugo despexados de coches, ocupados por nenos a xogaren ao fútbol ou andaren en bici á sombra de milleiros de tractores.
“Xa ves: hoxe é festa na parroquia e nós aquí”
Suso e José Antonio son de Gurgullos, concello de Tordoia, unha parroquia que nesta terza feira está de festas, Os Remedios. “E xa ves, nós aquí”, din cun sorriso. Teñen 35 vacas de muxidura e páganlle o leite a 27 céntimos -”hainos peor, a quen lle dan só 18”-. Recoñecen que nesa situación, perdendo 8 ou 9 céntimos por litro, “non imos aguantar moito”. Insisten en que si que hai unha solución, “pero o goberno ten que querer: apretar as porcas a industria e distribución, que fan o que lles peta”.
José Antonio fala do que é ter que escoller cada mes que factura deixas sen pagar para poder seguir tirando, “porque cartos non hai, e os que se fixeron investíronse na propia explotación”. Suso lamenta que “os galegos estamos vendidos: temos o mellor leite, o mellor peixe... e todo iso vai a pique”.
“Levabamos dez anos adormecidos, e espertamos”
Entre os centos de concentrados ao pé de Carrefour está Emilio López, 'Milucho', un nome inseparábel da historia do sindicalismo agrario galego. Repartindo follas voandeiras da plataforma en defensa do sector lácteo pedindo á cidadanía o apoio aos gandeiros. “Hai que facer unha lectura positiva disto: no movemento agrario levabamos dez, doce anos adormecidos; e agora espertouse”. Denuncia que o PP “xoga a dividir ao sector”. Pide a Feijóo “que se deixe de falar de Catalunya e que defenda o rural deste país”, lembrando que “nin sequera quixo reunirse cos representantes da Plataforma”.
“Pon aí: é pola miña filla, sabes?. Non é por min, é por ela. Pono aí, vale?”
Moncho é de Boqueixón. “Teño máis vacas que anos”, afirma con risa aberta coa man nunha das grandes rodas do seu 'New Holland -que inclúe o colante de moda na mobilización: “Se non hai gandeiros sobran conselleiros”. “50 vacas fronte á 39 anos”, aclara, sorriso aínda máis amplo. Canda el, Manuel. Unha teima ao longo da conversa: “xa non é por nós, é polos nosos fillos”.