Lexislatura Feijóo: cada día 52 traballadores afectados por un ERE

Nestes catro anos houbo en Galiza máis de 6.000 expedientes de regulación de emprego, que afectaron a máis de 72.000 persoas.

Durante os catro anos da segunda lexislatura de Núñez Feijóo en Galiza rexistráronse máis de 6.000 expedientes de regulación de emprego (ERE), que afectaron a máis de 72.000 traballadores. Cifras máis que elocuentes do nivel de destrución de emprego que nestes anos sufriu o país e que deixou pegada en todos os sectores. Mesmo en 2016, ano no que desde a Xunta se reforzou a mensaxe de que a crise acabara, os EREs seguen a estar presentes: entre xaneiro e xullo, 297 expedientes de regulación de emprego e máis de 4.300 asalariados afectados.

Os datos amosan que durante a segunda lexislatura de Núñez Feijóo (2012-2016), cada 2 días se rexistraron 8 EREs e cada día 52 traballadores de media estaban afectados por un destes expedientes. No 2012 foron case 29.000 as persoas asalariadas en ERE, en 2013 20.251 e en 2014 foron 12.152 traballadores os que en Galiza sufriron un destes expedientes. No 2015 esa cifra baixou a 6.267. Mais nos primeiros seis meses de 2016 o número de persoas afectadas por un ERE vai xa perto das 4.400.

No que vai de 2016 a gran maioría dos EREs foron no sector da pesca, 133 de 297, o que supón o 45% do total. O seguinte é o sector servizos, con 96 EREs nestes seis meses, a industria con 41 e o sector da construción con 27 expedientes. Porén, en canto a número de traballadores é o sector da industria o máis afectado no que vai de ano, con 2.847 afectados. É o 65% de todos os traballadores que neses seis meses estiveron afectados por un ERE.