Lidl retira dos andeis en Santiago unha campaña de leite tras unha protesta de UUAA

Félix Porto (á esquerda) e varios membros de UUAA esta segunda feira nun estabelecemento da multinacional alemá de Compostela (Foto: Nós Diario).

O sindicato agrario acusa á multinacional de empregar “produtos reclamo” con prezos por debaixo do custo de produción.

Unións Agrarias (UUAA) realizou esta segunda feira unha acción de protesta nun dos estabelecementos que ten a multinacional alemá Lidl en Santiago.

A mobilización quixo pór en evidencia a campaña que iniciaba esta cadea de supermercados ao redor de leite a prezos de 0,73 euros/ litro, unha proposta comercial que remataba o 30 de xuño.

Minutos despois das 12 horas, o secretario de Coordinación Sectorial e responsábel dos servizos xurídicos deste sindicato, Félix Porto, anunciaba que a empresa retiraba a oferta dos andeis polo que consideraba “positivo o acto”.

Esta oferta, para o sindicalista, forma parte da estratexia desta empresa de “empregar o leite como produto reclamo, unha práctica que tiñamos erradicada nos últimos meses”.

UUAA sinala que se levan encadeadas baixadas de prezos non últimos catorce meses que chegaron a ser “de 30% para o sector produtor” e nun momento no que están a negociar os contratos do leite para o mes de agosto coa industria “que anunciou que quere baixar 0,2 céntimos, cando estamos en 46 céntimos de media”.

En opinión de Porto, isto significa “estar por debaixo do custo de produción”, algo que evidencia “o feche este mesmo ano de 350 explotacións, polo que apenas quedan 5.500 en toda Galiza”.   

“Non permitiremos que se empregue outra vez o leite como produto reclamo, e menos nunha situación como está”, explica Porto, “unha distribución foránea no seu país non empregaría nunca este tipo de estratexias”, agrega.